O Concello de Bueu organiza do 11 ao 17 de xullo a III Semana da Cultura Mariñeira
- Félix Juncal, alcalde da vila, salientou no acto de presentación que “é a nosa semana grande e con actividades moi diversas, das que podemos gozar todas as persoas”
- O programa ofrece actuacións musicais, obradoiros de arte mariñeira, verbenas, eventos deportivos, espectáculos variados e, sobre todo, as tradicionais festas do Carme e das Dores, coa agardada procesión marítima e o espectáculo pirotécnico
- Dende o consistorio fletarase un catamarán para que a veciñanza poida asistir de forma segura á procesión marítima do 16 de xullo
Co obxectivo de poñer en valor o mar e as súas xentes, o Concello de Bueu volve organizar por terceiro ano consecutivo a III Semana da Cultura Mariñeira, que se celebrará entre o 11 e o 17 de xullo e que ofrecerá actuacións musicais, obradoiros de arte mariñeira, verbenas, espectáculos variados e, sobre todo, as tradicionais festas do Carme e das Dores, coa procesión marítima e o espectáculo pirotécnico. A Sala Multiusos do Centro Social do Mar acolleu este venres, 8 de xullo, a presentación completa do programa, no que participan varios colectivos da vila na que é “a nosa semana grande e con actividades moi diversas, das que podemos gozar todas as persoas”, en palabras de Juncal, que aproveitou para anunciar que o Concello poñerá a disposición da veciñanza un catamarán con 250 prazas para que as persoas empadroadas na vila que o desexen poidan participar e gozar da procesión mariñeira que terá lugar o 16 de xullo, festividade do Carme, con saída ás 18.30 dende a zona da lonxa, onde previamente se desenvolverá a misa. “Esta festa representa algo moi especial para unha vila mariñeira como a nosa, que adquiren unha dimensión nova e diferente, porque vén xusto despois de dous anos moi complexos”, refrendou o rexedor. Para facer uso deste barco, as persoas interesadas deberán inscribirse no rexistro xeral do Concello a partir do luns.
Xosé Leal, concelleiro de cultura, foi o encargado de presentar o programa, e salientou que “este proxecto coral é posible grazas á colaboración de moitas persoas e entidades”.
O Centro de Interpretación do Litoral de Agrelo acollerá do 11 ao 15 de xullo o obradoiro “Marearte”, que será impartido polo artista local Tino Resille e no que nenos e nenas a partir de 7 anos gozarán da simbiose entre o mar e a arte a través de distintas actividades, que lle darán unha nova vida aos refugallos das praias para convertelos en obxectos artísticos e cos que se artellará unha exposición. A actividade terá horario de 10 a 13 horas, e as inscricións deberán facerse no correo cultura@concellodebueu.gal.
O programa desa semana leva inserido ademais unha serie de citas que se prolongan durante o verán como pode ser o ‘Espazo Convida 22’. Grazas a esta iniciativa, o Concello elixiu espectáculos que teñen o mar como eixe vertebrador. Así, o 12 de xullo, o exterior do Centro Social do Mar acollerá o espectáculo “Ikigai” de SU.MA, o 13, a proxección do filme “Buscando a Dori” na Praza Massó, o 14, Rilo & Penadique sorprenderán ao público coa obra “Asdomare”, e o 15 de xullo, La Quinkillada actuará no exterior do Centro Social do Mar.
O 14 de xullo, ás 17.00 e 18.00 horas propoñerase dúas saídas de navegacións tradicionais coa Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos, para o que se require de inscrición previa en cultura@concellodebueu.gal.
Continuarán os actos ao día seguinte no tradicional concerto de corais “O son do Mar”, que se celebrará no Centro Social do Mar e no que participarán o Orfeón de Moaña, a Coral Polifónica Vagalume de Oia e a anfitrioa, a Coral Polifónica de Bueu. Este evento recupérase tras a pandemia e segundo destacou a presidenta Rosario Álvarez, “é moi especial porque hai catro meses retomamos os ensaios e foi complexo e emocionante á vez”.
Xuntando deporte, concienciación medioambiental e cultura mariñeira, o 16 de xullo celebrarase a XII Travesía a Nado Udra – Pescadoira, organizada polo Club de Atletismo Corredoiras e o Concello, e coa que se pretende concienciar sobre a necesidade da rexeneración do areal urbano de Pescadoira. Como xa é habitual, haberá tres saídas con diversas distancias: unha dende Ancoradouro con 7500 metros, outra dende Mourisca con 4000 metros, e a última dende Beluso con 1500.
Ese mesmo día, no Campo da Estacada celebrarase o Campionato de Drons Bueu GP 200, promovido polo Aero Dron Club Bueu e no que haberá exhibicións e competicións de drons que acollen a moitas persoas do territorio nacional.
Festas do Carme e das Dores
A fin de semana o 16 e 17 de xullo será a que acollerá máis eventos, pois son os días grandes das festas do Carme e das Dores. As atraccións estarán instaladas do 15 ao 17 de xullo na zona das Lagoas, para que os máis cativos e cativas poidan gozar delas, xa que “son un dos símbolos destas festas”, en palabras de Xosé Leal. Neste sentido, Leal tamén apelou á paciencia cidadá, pois dende o luns 11 ás 14 horas e ata o luns 18 ás 22 horas, quedará prohibido o estacionamento de vehículos.
O 16 de xullo, haberá misa na Igrexa Parroquial de San Martiño con posterior procesión ata a lonxa na compañía da Banda de Gaitas Manxadoria e a Banda de Tambores. Xa pola tarde, os oficios relixiosos serán na lonxa a partir das seis e, segundo avanzou José Manuel Rosas, patrón maior da Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, estará a imaxe principal da Virxe do Carme e outra talla de porcelana que foi doada recentemente por D. Juan Veiga. Pola noite, o exterior do Centro Social do Mar acollerá a verbena coa orquestra leonesa Ipanema, que se dividirá en dous pases polo espectáculo de pirotecnia dende a praia da Banda do Río.
Ao día seguinte, coincidindo coa festividade das Dores, ás 11.00 horas actuará a charanga “A cabesa non para”, e a continuación terán lugar os oficios relixiosos na igrexa parroquial.
Como peche de verbena e de semana, o Musigal da Deputación de Pontevedra fai posible a actuación de Guadi Galego no exterior do Centro Social do Mar.
No acto de presentación estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Xosé Leal, concelleiro de cultura, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, e representantes de colectivos como a Confraría de Pescadores de San Martiño de Bueu, a Comisión Bueu en Festas, a parroquia, a Coral Polifónica de Bueu, o Club de Atletismo Corredoiras e o Aerodron Bueu Club.