Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza as xornadas ‘Bueu e a fala: o galego 3.0’ e o certame ‘Mergullándonos no TikTok’

  • As actividades van destinadas a presentar experiencias exitosas na rede, no audiovisual e no videoxogo que teñen o galego como lingua vehicular
  • O concurso “Mergullándonos no TikTok” convida á creación de vídeos de temática libre en galego nesta rede, na que se vén de estrear o Concello

No marco da aposta polas políticas de promoción da lingua galega, o Concello de Bueu promove a próxima fin de semana as xornadas “Bueu e a fala: o galego 3.0”, que se organizan grazas ao apoio económico da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, e que pretenden ofrecer unha reflexión arredor do emprego do galego nas redes sociais e nos novos medios. O programa estenderase dende o venres 7 de outubro ao domingo 9 e constará de charlas, presentacións de proxectos, exposición, mesas redondas e, o máis novidoso, o 1º Certame Mergullándonos no TikTok.

O concurso ten como obxectivo aproveitar o crecemento da rede social TikTok entre a mocidade e ofrecer a oportunidade de que as persoas maiores de 18 anos creen un vídeo de temática libre en galego, para o que deberán etiquetar a @Concellodebueu co cancelo #SeVouATikTok. Dos vídeos presentados ata o venres ás 23.59, o xurado, conformado por tres recoñecidas creadoras de contido na rede, decidirá tres gañadores ou gañadoras que se poderán facer cun “kit tiktoker”, que se darán a coñecer na gala de premios do domingo pola tarde, como clausura destas xornadas.

Pero antes, durante toda a fin de semana, o Centro Social do Mar acollerá eventos que poñerán a lingua galega en valor e reivindicarán a súa potencialidade para a creación de contidos diversos e variados. Así, o venres ás 17 horas, Marcos Maceira, falará do audiovisual galego e da campaña levada a cabo dende a Mesa pola Normalización Lingüística para acadar que a lingua galega estea presente nas plataformas de contidos audiovisuais online. A continuación desenvolverase unha mesa redonda na que participarán as persoas creadoras de tres experiencias exitosas na rede dende o galego, como GZ Música, Orgullo Galego e Xornal de Bueu.

A xornada do sábado estará destinada ao mundo dos videoxogos, que está collendo certo pulo na Galiza. Ás 11 horas, as persoas que se acheguen poderán coñecer a experiencia do Museo do Videoxogo de Cangas, na que se falará do galego nesta industria cultural e dos seus máis de cen títulos na súa sede canguesa. En relación con el, ás 11.45 horas, abrirase na Sala Domínguez Búa unha exposición que se poderá ver todo o día e na que se abordará a historia do videoxogo na nosa lingua, coa presenza dos responsables do MUVI. A continuación, en torno ás 12.30 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre o galego no videoxogo, na que intervirán Luz Castro, de Videoxogo.gal, Carlos Pereiro, da revista Morcego, Carlos Vieito, de A Mesa pola Normalización Lingüística, e Inés Mirás, de Grimorio of Games.

Pola tarde, a partir das 16 horas, falarase da interxeracionalidade no videoxogo galego Avoo, creado pola empresa Iseltec, e despois ofrecerase un obradoiro arredor del no que a cativada e as persoas máis maiores poderán poñer en práctica os beneficios deste videoxogo activo que explora, en galego, a cultura e identidade de Galicia.

E o domingo pecharanse as xornadas coa gala de premios do certame Mergullándonos no TikTok ás 18 horas.