O Concello de Bueu organiza as III Xornadas de Diversidade Afectivo – Sexual
O programa incluirá a lectura dun manifesto, actuacións musicais, coloquios con persoas do colectivo LGBTIQ+ e proxeccións de filmes sobre esta temática
O Concello de Bueu organiza esta fin de semana as III Xornadas pola diversidade afectivo – sexual, cun programa que se desenvolverá entre o venres e o sábado e que busca “crear conciencia do dereito de cada persoa a ser quen é”. Así o salientou a concelleira de mocidade e infancia, Inmaculada Rodríguez, quen destaca este evento como unha das grandes apostas do Concello pola defensa dos dereitos das persoas a expresarse libremente, con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, que se celebra o 28 de xuño.
Os actos arrancarán o venres, 26 de xuño, na Praza Massó (no caso de que chova, trasladaranse para a Sala Multiusos do Centro Social do Mar), onde ás 21.30 se abrirán as xornadas coa lectura dun manifesto, para dar paso ao coloquio “You can act, visibilizando a diversidade”, no que participarán Yanina Alfaya, Lara Fandiño e Nuria Grandío. A xornada culminará ese día coa actuación da artista Sheila Patricia, que terá lugar ás 22.30 h.
O sábado, ás 22.00 h presentarase a Rede Educativa de Centros de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, da man de, Marcos Barreira Baños, vogal de grupos de proximidade, Leonor Gala Torres Sabín, representante do grupo do IES Johán Carballeira, e diverso alumnado deste centro educativo. A continuación, arredor das 22.45 h, proxectaranse dúas curtas sobre a diversidade a cargo da Asociación FICBUEU, que nos ofrecerán os títulos Pink Boy, de Eric Rockey, e In the Heartbeat, de Esteban Bravo e Beth David.
As xornadas, que comezaron hai tres anos, contribúen a xerar conciencia e a propoñer debates interesantes a través dos que continuar avanzando cara á igualdade de todas as persoas, independentemente da súa orientación ou identidade sexual.