O Concello de Bueu organiza as Festas de San Martiño con tres días de actividades
- Música, teatro, magosto, xogos tradicionais e inchables, constitúen as apostas do Concello coa colaboración de colectivos da vila
- A maioría dos eventos programados terán lugar nunha carpa situada no aparcadoiro de As Lagoas
- Hoxe celebrouse a rolda de prensa nun acto no que estiveron presentes edís do goberno, como Carmen García, Alberto Moital e Xosé Leal
O Concello de Bueu organiza un amplo programa de actividades para celebrar as Festas do San Martiño, que se desenvolverá entre o 10 ata o 12 de novembro. Música, teatro, magosto, xogos tradicionais e inchables, constitúen as apostas do Concello coa colaboración de colectivos da vila, para unhas festas variadas e diversas, que seconcentrarán na carpa situada en As Lagoas, ademais doutras localizacións.
Carmen García, concelleira de cultura, salientou na rolda de prensa celebrada este martes na Casa do Concello que “se trata dunha festa con eventos variados e amplos dos que poderán gozar todos os públicos, como xa vén sendo habitual”. O programa está organizado polo Concello de Bueu, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e doutros colectivos, como as anpas do municipio, o Club de Atletismo Corredoiras, ou a Asociación Cultural Santos Reis.
O programa arrancará o venres 10 de novembro cun coloquio a cargo do veciño e investigador local Manuel Aldao, quen presentará unha investigación que levou a cabo arredor da Igrexa de San Martiño de Bueu e da súa contorna, e que se celebrará ás 18.30 horas na propia igrexa. Ese día, e xa para dar comezo aos días de festa, ás 22.30 horas, a carpa de As Lagoas acollerá un concerto de Mediarea con posterior foliada aberta, na que se anima a participar á cidadanía. Neste sentido, García destaca a aposta da concellaría “pola música tradicional, unha liña que seguiremos a explorar en eventos futuros”.
O sábado, coincidindo coa festividade de San Martiño, a xornada abrirase ás 11 horas polas rúas da vila con animación a cargo da charanga Noroeste. Ás 12 horas serán os oficios relixiosos na honra de San Martiño coa Coral Polifónica Marusía. Xa pola tarde, os pequenos e pequenas poderán gozar na carpa, entre as 16.30 e as 19.30 horas, de xogos populares e inchables de balde, con propostas para diversas idades. Ás 17.00 horas arrancará a tradicional XXVI Carreira de San Martiño, primeiro coas categorías inferiores e logo da absoluta.
Ás 20 horas, o Centro Social do Mar acollerá a obra teatral “#2Pilgrims” de Redrum Teatro, da que se poderá gozar de balde grazas ao programa “Tornar ás Táboas” da Deputación de Pontevedra. Esta proposta aborda o Camiño de Santiago, e outros temas necesarios como a igualdade e as novas masculinidades ou as redes sociais, reivindicando o labor do teatro como motor de cambio social e con tons de comedia.
Pola noite, a partir das 21 horas, a carpa de As Lagoas encherase de música cunha verbena amenizada pola Orquestra Triunfo e un DJ Santymix.
O domingo 12 volverá haber animación de rúa pola mañá coa charanga Os Jaláticos. Ás 12 horas desenvolveranse os oficios relixiosos na igrexa na honra de San Roque, nos que a Coral Polifónica de Bueu poñerá o toque musical.
Pola tarde voltarán os xogos tradicionais e inchables á carpa, e ás 17 horas poderase gozar dun magosto popular organizado coa colaboración das asociacións de nais e pais dos colexios da vila. Ás 18.30 horas, o Centro Social do Mar volverá organizar, tras o éxito do ano pasado, o II Concerto de Corais de San Martiño, un evento no que actuarán as corais da vila, como a Coral Polifónica de Beluso, a Coral Polifónica Marusía, o Coro de Cela e a Coral Polifónica de Bueu.
Os festexos rematarán ás 20.30 h coa verbena a cargo do Grupo Ti Tac na carpa de As Lagoas.
Ademais, o 11 e o 12 de novembro, a Asociación Cultural Santos Reis organiza, como vén sendo habitual, a XXIV Mostra de Fotos Antigas, que se poderá ver no adro pequeno da igrexa, e que amosará fotos históricas de paisaxes e xentes de Bueu.