O Concello de Bueu mellora o firme de varios camiños municipais nas tres parroquias
O Concello de Bueu rematou estes días os traballos de mellora do firme en varios camiños municipais de diversos lugares. Félix Juncal, alcalde da vila morracense e encargado da área de obras e servizos, destaca o traballo incesante que permitiu que se adecentasen varios viais na Fontealta, Costiña, A Gándara e Coto, na parroquia de Cela, e tamén o da Cividade, no núcleo de Bueu, cuxos traballos foron posibles grazas aos remanentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Así mesmo, con cargo a recursos propios, o Concello levou a cabo o formigonado doutros camiños como o das Meáns, o da Costa do Figueirón, o de Antepazo, e na próxima semana continuarase por Montemogos, concretamente no camiño de Lago Mansiño e Coumiñán, ambos na parroquia de Beluso.
Ademais, tanto dende a área de obras e servizos como a través dos técnicos municipais, xa se están realizando medicións de cara a preparar o seguinte plan de mellora de camiños polas tres parroquias. Juncal salienta que “estamos realizando un gran esforzo para que as persoas de todos os lugares teñan mellores accesos ás súas vivendas e ao resto de espazos públicos”.