O Concello de Bueu instala un buzón real na Praza Massó
-
Na cabalgata dos Reis Magos poñeranse en valor as embarcacións tradicionais
O Concello de Bueu vén de instalar un buzón real na Praza Massó, concretamente na contorna da fonte cibernética, para que os nenos e nenas da vila poidan deixar alí as súas cartas aos Reis Magos. Precisamente, na mañá deste venres, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, o concelleiro de cultura, Xosé Leal, o edil de deportes, Manolo Otero, e a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, inauguraron este espazo. Ademais tamén se comezou co reparto de cartas nos comercios locais da vila para que os pequenos e pequenas poidan escribir os seus desexos para as súas maxestades.
Tal e como avanzou Xosé Leal, concelleiro de cultura, a cabalgada de Reis desta edición vai ser moi novidosa, pois “poñerá en valor as embarcacións tradicionais entre as persoas máis mozas”, para a que se conta coa colaboración das ANPAS do municipio e da Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos.
Ás doce do mediodía do 5 de xaneiro, os Reis Magos chegarán en tres embarcacións tradicionais ao peirao de Bueu, e posteriormente realizarán un recibimento da rapazada no Centro Social do Mar. Pola tarde, a partir das 18 h, desenvolverase a tradicional cabalgata, que sairá no Estaleiro da Banda do Río, recentemente rehabilitado polo goberno local. O percorrido estará encamiñado por unha primeira carroza cun galeón dos Galos, e outras tres compostas de embarcacións tradicionais, acompañadas de animación musical e diversas sorpresas.