O Concello de Bueu inaugurou o venres o Estaleiro de Purro, orixe da cultura mariñeira da vila
- O evento celebrouse na contorna da que foi a última carpintería de ribeira da ría de Pontevedra, coa asistencia de máis dun cento de persoas
- Félix Juncal, alcalde da vila, salientou durante a súa intervención que “despois dunha longa travesía na que, en ocasións, os temporais puxeron a proba a nosa capacidade para manter este tesouro a salvo, por fin xa para sempre estará con nós o Estaleiro”
O Concello de Bueu celebrou este venres, 2 de setembro, a inauguración do Estaleiro de Purro cunha gran festa da cultura á que asistiron máis de duascentas persoas, entre autoridades e representantes de colectivos e veciñanza. O evento, que tivo lugar entre as oito e as dez da noite, encheu a zona do paseo da Banda do Río de público que se achegou a este gran acto no que se lembraron as orixes mariñeiras da vila.
O acto, amenizado coa música de Sheila Patricia, arrancou na contorna do Estaleiro cunha primeira intervención na que se ensamblaron a poesía e o debuxo, coa participación do artista local Luís Davila “O Bichero” e de poetas como Dani Costas, Lucía Novas, Susana Aríns e Anxo Angueira, todo iso fiado por Míriam Ferradáns, que foi a encargada de poñer a voz e conducir a xornada. Despois proxectáronse diversos audiovisuais relacionados coa xénese do Estaleiro e do que supuxeron as obras de posta en valor, ademais da súa historia na vila bueuesa, nos que se transpirou moita emoción entre o público. A continuación desenvolveuse a parte institucional, na que interviron Félix Juncal, alcalde da vila, e Carmela Silvia, presidenta da Deputación de Pontevedra, que é o organismo que permitiu o financiamento para a rehabilitación e musealización desta estrutura. E xa para rematar descubriuse unha placa na honra de José González Purro e fíxose unha pequena visita ao espazo por parte das autoridades e público asistente.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou que “despois dunha longa travesía na que, en ocasións, os temporais puxeron a proba a nosa capacidade para manter este tesouro a salvo, por fin podemos dicir que o Estaleiro estará con nós para sempre”. Juncal quixo agradecer a todas as persoas que formaron parte dese proceso tan longo, que arrancou xa no 2007, cando varios veciños comezaron a loitar porque o Estaleiro ficase en pé, e lembrouse especialmente de Manolo Purro, “por deixarnos este Estaleiro que é coma o embrión do que parte a historia do noso pobo, un legado que é a súa contribución á nosa identidade mariñeira”. Tamén houbo un recordo a Víctor Domínguez, alma mater da Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos, e quen “para este pobo será sempre un baluarte fundamental na defensa do patrimonio que se esvaecía e que el, man a man coa asociación que rexentaba, quixo legar para as xeracións do presente e do futuro”. Carmela Silva, presidenta da Deputación, aludiu a que “tódalas historias que naceron neste estaleiro, que marcaron o devir da poboación de Bueu e que agora, tras esta musealización, esperamos que todas e todos poidamos aprender delas”. Ademais, “con esta actuación buscamos que poidan volver a xurdir novas historias de superación, de cultura, amizade ou amor pola nosa provincia nun lugar tan marabilloso como é o da praia da Banda do Río e a súa contorna”.
O Estaleiro da Banda do Río atópase a carón da praia da Banda do Río e está ligado intimamente coa historia marítima recente da vila bueuesa. Foi a derradeira carpintería de ribeira en activo, nela traballaron e formáronse moitos profesionais e veciños; e tamén se construíron infinidade de embarcacións. O seu peculiar aspecto converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu, actuando como referente da cultura mariñeira. A súa imaxe é vínculo de unión entre o pobo de Bueu e o seu pasado, sempre vencellado aos barcos e ao mar.
A rehabilitación levada a cabo polo Concello de Bueu supuxo a posta en valor dun patrimonio industrial tradicional, dos elementos da arquitectura tradicional mariñeira a través do proxecto museístico e ao mesmo tempo de aparellos e ferramentas de traballo.
Juncal salienta o esforzo que realizou o Concello para manter a vinculación entre a recuperación ambiental dos recursos naturais, así como a súa conservación, e a posta en valor do patrimonio cultural, con vocación divulgativa a partir do coñecemento “da nosa historia e das nosas orixes como vila mariñeira”. Estes traballos de musealización complementaron a rehabilitación que se rematou no 2018 e que permitiu que se iniciase a posta en valor dunha instalación de alto valor patrimonial.