Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE BUEU INAUGURA A TEMPADA DE VERÁN

O concello de Bueu procederá ao izado da bandeira azul na praia de Area de Bon nos vindeiros días, así, os areais de bandeira azul iniciarán xa o servizo de socorrismo. Ademais a maior parte das praias do municipio contarán con aseos públicos, o cal permitirá ofrecer un mellor servizo á cidadanía.

Durante as últimas semanas dende a concellaría de obras e servizos e dende a de turismo estanse levando a cabo diversos arranxos nos areais  como mellora de pasarelas de acceso, adecentamento das casetas de socorrismo e baños nas praias de Area de Bon, Portomaior e Mourisca; limpeza das contornas e viais de acceso de todos os areais.

O concello recoñece a dificultade que isto significa cada ano, debido a que antes da tempada estival o concello leva a cabo e colabora nun gran número de eventos que en ocasións non permiten comezar con suficiente antelación os traballos de cara o verán, ao non contar con medios suficientes.

Estes días tamén se levaron a cabo arranxos dos actos vandálicos no mobiliario, algún ocorrido nos últimos días, polo cal  faise  unha apelación ao civismo para evitar altercados deste tipo.

Despois da apertura da oficina de Turismo de Bueu, situada na Casa Consistorial, mañá sábado abriranse as portas tamén da Aula da Natureza de Cabo Udra, que ademais de ofrecer atención á cidadanía terá unha axenda de actividades fixas os venres, sábados e domingos dos meses de xullo e agosto. Como en anteriores anos haberá rutas de sendeirismo guiadas e rutas gastronómicas e culturais.