O Concello de Bueu inaugura a exposición do I Certame de Pintura ‘Otero Baena’ para artistas noveis
- O acto de inauguración da exposición artística celebrarase o día 1 de xuño ás 20 horas na Sala Amalia Domínguez Búa
- A exposición artística establecerase na sala durante todo o mes de xuño, período no que se realizará a entrega do premio de 1.500 euros á persoa gañadora
- Co fin de xerar un espazo para fomentar a pintura e dar a coñecer a figura do artista bueués, José Benito Otero Baena, o Concello e a familia do artista promoven o certame bienal
A Sala Amalia Domínguez Búa será o espazo elixido para albergar as trece obras finalistas do I Certame de Pintura ‘Otero Baena’. O acto de inauguración da exposición celebrarase o día 1 de xuño ás 20 horas e contará coa presenza do alcalde, Félix Juncal, algúns membros da corporación local e familiares de Otero Baena. O público poderá acceder á exposición durante as semanas previas ao 27 de xuño, data na que se produciu o nacemento do autor e arredor da cal se celebrará a entrega do premio á persoa gañadora.
Tras cumprirse seis anos do falecemento do artista local, o Concello de Bueu organiza a inauguración da exposición correspondente ao I Certame de Pintura ‘Otero Baena’, acto que se enmarca dentro dun proxecto ambicioso do Concello, en colaboración coa familia do artista, que contribuirá a conservar e manter vivo o legado do bueués, o cal se caracterizaba por ser unha persoa comprometida coa arte. A presentación do concurso bienal no pasado mes de decembro relaciónase coa colocación dunha placa conmemorativa na que fora a vivenda do artista.
O I Certame de Pintura ‘Otero Baena’ xorde baixo a finalidade de promover a creación artística ao mesmo tempo que se dá a coñecer a figura do artista bueués, José Benito Otero Baena. Por conseguinte, o concurso artístico ía dirixido aos e ás artistas noveis, maiores de 18 anos, os e as cales tiveron que presentar unha obra inédita e orixinal, de temática, técnica e formato libre antes do 30 de abril. Tras a presentación da documentación, o xurado, conformado por Xosé Leal, concelleiro de cultura, Covadonga López, directora do Museo Massó, Javier Pérez Buján, da Fundación Laxeiro, Fruela Alonso e Din Matamoro, da Facultade de Belas Artes, e Rosa Elvira Caamaño, artista canguesa, foi o encargado de seleccionar un total de trece obras e cinco de reserva de entre os cincuenta e dous traballos artísticos recibidos no Concello. Despois de realizarse o filtrado das obras, as persoas cuxas obras foron seleccionadas tiveron que presentalas en formato físico antes do 20 de maio.
A exposición confórmase polos traballos ‘Massó, mi recuerdo’, ‘Sobrevoo’, ‘Sin título (de la serie Line Drawings)’, ‘Detalle’, ‘Las morenas’, ‘Familie Tijd’, ‘Figuras de cuerdas’, ‘En la Banda del Río’, ‘Espazos ocupados’, ‘Que’, ‘Puerto de Bueu’, ‘Glyph, 2023’ e ‘Arranxo’. As persoas interesadas poderán acceder á sala a gozar da colección artística ata finais de xuño. Neste período, e preto do 27 de xuño, por tratarse da data do nacemento de Otero Baena, escollerase un día para celebrar a gala de entrega do premio á persoa que resulte a gañadora do galardón dotado con 1.500 euros.
A Sala Amalia Domínguez Búa atópase na Rúa Eduardo Vincenti, 2 e xa acolleu outras exposicións e presentacións de libros e proxectos diversos. Este espazo preséntase como o idóneo para a celebración do acto inaugural e da posterior exposición durante todo o mes, pois a sala foi estreada cunha exposición do propio artista condecorado, Otero Baena.