O Concello de Bueu impulsa o I Certame de Pintura ‘Otero Baena’ para artistas noveis
- O concurso pretende ser un escaparate para promover a creación artística, e a idea é que se abra o prazo para presentación de traballos a comezos de ano
- Félix Juncal, alcalde da vila, salienta que “este proxecto formará parte do noso patrimonio inmaterial e vai ser todo un acontecemento”
O Concello de Bueu convocará o próximo ano o I Certame de Pintura “Otero Baena” para artistas noveis, co que se pretende contribuír a promover a creación artística ao tempo que se dá a coñecer a figura do artista local José Benito Otero Baena. Precisamente este venres, 18 de novembro, tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello unha rolda de prensa na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde da vila, Xosé Leal, concelleiro de cultura, Marta Otero e Tito Otero, fillos do pintor bueués, ademais de Chus Rojo, neta e artista deseñadora do cartel que será a imaxe do certame.
O concurso, cuxas bases se darán a coñecer a comezos do próximo ano, busca potenciar a creación artística entre as persoas maiores de 18 anos cuxa obra debe ser inédita e orixinal. Félix Juncal, alcalde da vila, salientou que “é un pracer para nós acompañar á familia nun proxecto tan fermoso, que naceu o pasado setembro durante o acto de colocación da placa na que fora a casa deste artista, e que formará parte do noso patrimonio inmaterial, sendo todo un acontecemento”.
Pola súa banda Xosé Leal, edil de cultura, destacou que “temos moita ilusión porque este proxecto dará a coñecer un dos nosos artistas, ademais de fomentar a creatividade”, e “é un emblema cultural que se suma a outros premios do Concello”. O concelleiro aproveitou para agradecer á familia “a súa ilusión e as ganas” e desexou que o certame fose un espazo para descubrir “novos valores” e que “irá medrando ano a ano”.
Marta Otero, filla do artista, puxo o foco en que o premio contará cun “xurado de importante nivel, que é o que fará que moitas persoas queiran participar”, e de feito compoñerase de recoñecidos artistas, ademais de representantes da Fundación Laxeiro, a Facultade de Belas Artes, ou o Museo Massó. Chus Rojo, artista creadora do cartel, explicou que “tentei usar todos os elementos que usaba o meu avó nos seus cadros, cunha gran presenza da natureza, as plantas, os mariñeiros, e coas cores como os amarelos, verdes e azuis”.
Como novidade, o certame pretende ser un escaparate artístico, de aí que estea prevista a organización dunha exposición na Sala Amalia Domínguez Búa que se poderá nas semanas previas ao 27 de xuño, data de nacemento do pintor e arredor da que tamén se organizará a gala de entrega do premio.
Este premio forma parte dun proxecto ambicioso co que o Concello de Bueu contribuirá a manter vivo o legado dunha persoa comprometida coa arte, revitalización que xa comezou hai uns meses coa colocación dunha placa conmemorativa na que fora a súa vivenda na rúa Eduardo Vincenti, 9, moi preto da Casa Consistorial.
José Otero Baena faleceu no ano 2017 e era coñecido en Bueu a raíz do seu paso pola política e polo traballo na caixa de aforros, e no eido artístico foi considerado como o mellor espatulista da arte galega da época. Chegou a recibir unha bolsa da Deputación de Pontevedra para estudar na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, pero as obrigas laborais levárono a voltar á casa. Otero Baena considerábase un home de formación autodidacta que adoraba pintar paisaxes dunha gran variedade cromática.