Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu estrea a aplicación de incidencias «Meu Concello» e contrata a trece persoas polo Plan de Emprego

  • Este servizo serve como canle directa de comunicación dos desperfectos que se detecten no equipamento urbano del municipio

O Concello de Bueu estrea este mércores, 12 de xuño, a APP Meu Concello, unha canle de comunicación a través da que a veciñanza pode poñer en coñecemento do consistorio aqueles desperfectos que detecten na vila. Grazas a esta ferramenta de participación cidadá, que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra, o Concello pretende coñecer as necesidades do municipio e así poder dar solución ás cuestións comunicadas.

Paralelamente, o Concello contratará a trece persoas dentro do Plan de Activación de Emprego 2024 da Deputación de Pontevedra. Despois dos exames da pasada semana, os e as seleccionadas incorporaranse ao traballo nos próximos días por un período de seis meses. Así, os servizos municipais veranse reforzados con dous oficiais de albanelería, un oficial de carpintería, dous oficiais electricistas, un oficial de fontanería, catro peóns de desbroces, dous peóns limpeza e un administrativo. Este persoal reforzará os servizos municipais e permitirá atender as demandas e diversas necesidades.

Unha sinxela forma de comunicación

Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga da APP Meu Concello. Para iso, a persoa usuaria accede a Google Play ou APP Store en función da tecnoloxía empregada no seu Smartphone (Android /iOS). Unha vez localizada, lévase a cabo a descarga de forma gratuíta. Posteriormente deberase seleccionar o municipio sobre o que quere comunicar a incidencia, e a partir dese momento, xa comeza a funcionar o servizo de forma gratuíta, rápida e sinxela.

Para comunicar unha incidencia, basta con pinchar sobre o botón “Nova incidencia”. Un despregable coas diversas tipoloxías aparece na pantalla, e a persoa usuaria selecciona a que quere comunicar. De forma automática, a aplicación detecta as coordenadas exactas nas que se ubica o desperfecto, e o seguinte paso é engadir unha foto da incidencia e observación sobre a mesma. A partir de aí, unha vez enviada, o persoal do Concello recibe notificación do desperfecto comunicado, e xa se inician os trámites para dar solución á incidencia detectada. O cidadán ou cidadá recibe á súa vez notificación no teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado, e tamén pode facer seguimento da situación na que se atopa a mesma a través do botón de “Enviadas”.

 Ademais de comunicar a incidencia, a cidadanía pode acceder á información propia do municipio ao igual que aos puntos de interese do mesmo. A través do botón “Noticias e Alertas” tamén se ofrecerá información en tempo real de todas as comunicacións que o Concello emita. 

Ao servizo Meu Concello tamén se pode acceder a través do dominio https://bueu.meuconcello.com. Basta con introducir unhas claves de acceso para así  poder utilizar  todas as funcionalidades que ofrece a ferramenta.

Dende o Concello de Bueu anímase a todos a veciñanza da localidade a utilizar a APP Meu Concello. A través da implantación desta canle directa de comunicación, o Concello coñecerá as necesidades reais do municipio para así poder atender con maior axilidade as peticións e demandas.