Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu entregou os premios e os vales do I Certame de Decoración ‘Bueu, sente o Nadal’

  • O acto celebrouse este xoves no salón de plenos da Casa do Concello en presenza do alcalde e da concelleira de cultura
  • Ademais dos premios, todas as persoas e colectivos participantes recibiron vales para canxear no comercio local

O Concello de Bueu organizou este xoves ao mediodía un acto polo I Certame de Decoración de Nadal, no que se entregaron os premios e os vales do comercio local ás persoas participantes. Félix Juncal, alcalde da vila, agradeceu aos e ás participantes e anunciou que “esta primeira edición daranos pé a seguir implementando estas propostas no futuro e a mellorar as sinerxías entre o Concello e a cidadanía”. Pola súa banda, Carmen García, concelleira de cultura, destacou “a calidade das propostas presentadas que permitiron dinamizar a vila no Nadal”.

No acto fíxose entrega dos diplomas ás persoas e colectivos premiados, e as participantes nas categorías individual e colectiva tamén levaron vales de 20 € e 40 € respectivamente para a compra nos establecementos do Comercio do Morrazo. Deste xeito, a iniciativa contribúe tamén á dinamización do comercio local, que era un dos obxectivos do concurso.

Ao certame concorreron preto dunha trintena de propostas de decoración, e outorgáronse varios premios divididos en tres categorías, entre as que se repartiron 1.500 euros, tal e como se anunciou xa a comezos de ano. Na categoría individual o 1º premio foi para Juan Carlos Rey Padín, quen se fai con 200 €, o 2º para Miguel Ángel Fernández Jul, e 100 €, e o 3º para Gonzalo Sampedro Paz e 50 €. Mentres, na categoría colectiva, na que se inclúen asociacións e comunidades veciñais, o 1º premio, dotado con 300 €, foi para a Asociación Cultural Novos Ventos, o 2º de 200 €, para o Edificio Graña, da rúa Castelao 8, e o 3º, de 100 €, para a Anpa Torre Cela. Por último, na categoría de escaparates comerciais e hostalaría, o 1º premio, cunha contía de 300 €, foi para Carma Bueu, o 2º, de 150 €, para Oxford Boutique e o 3º, de 100 €, para Óptica Bueu.

Os premios foron decididos por un xurado composto por Carmen García, concelleira de cultura, Isabel Quintás, tenente de alcalde, Elena Estévez, voceira do PP, e dúas persoas representantes do comercio, Ana Ave e Rosa María Carballo. Todos eles e elas participaron no acto de hoxe no consistorio.