O Concello de Bueu e o grupo ‘O mar por diante’ organizan o ciclo de conferencias ‘Tempo de lecer’
- As charlas desenvolveranse todos os mércores de agosto no Centro Social do Mar a partir das 20.30 horas
- A finalidade deste proxecto, que naceu hai seis anos, é reivindicar a cultura e o diálogo coa vila de Bueu
O Concello de Bueu e o grupo ‘O mar por diante’ organizan o ciclo de conferencias ‘Tempo de lecer’, que se celebrará todos os mércores de agosto ás 20.30 horas no Centro Social do Mar, e que busca poñer en valor a historia da vila así como recuperar as súas voces culturais, artísticas e literarias ao longo do tempo. A iniciativa, que naceu hai seis anos, segue a potenciar un dos seus eixes vertebradores: a reivindicación da cultura coma un antídoto terapéutico que sande e que nos faga reflexionar dende o entendemento e o diálogo. Tras o comezo do programa a pasada semana co concerto de clarinete e piano a cargo dos músicos Hugo Rodríguez e Pablo Rodríguez, ao longo do mes terán lugar catro conferencias de temáticas diversas como a historia, a socioloxía, a arte ou a creación, que se abordarán no seu diálogo coa vila de Bueu.
Carmen García, concelleira de cultura, salientou na rolda de prensa celebrada este mércores no salón de plenos da Casa Consistorial que “é importante fomentar estes eventos que poñen en valor o noso pasado para seguir divulgándoo no presente”. No acto de presentación participaron tamén as persoas integrantes do colectivo “O mar por diante”, como Xaime Toxo, Loli Docampo, Francisco Rodríguez, e Arturo Sánchez.
O programa comezará o vindeiro mércores, 7 de agosto, coa mesa redonda “Texto e territorio IV”, na que participarán artistas da vila ou vinculados a ela, como Cristóbal Gabarrón, José María Barreiro, Olalla González, Marc Taeger e Nerea Cordeiro, coa moderación de Salvador Castro Otero. A través desta mesa búscase visibilizar o talento da creación e ao tempo que se analizan os vasos comunicantes posibles entre creación, reflexión, formación, escrita e territorio. Así mesmo, tamén se reflexionará sobre o xeito no que o espazo familiar de desenvolvemento persoal inflúe na creación artística.
O 14 de agosto será a quenda do xornalista Francisco Rodríguez Pastoriza, quen analizará as testemuñas visuais da Guerra Civil española, así como os autores das mesmas.
O investigador local Arturo Sánchez Cidrás falará o 21 sobre a historia do cinema e do teatro en Bueu. Dende o cine mudo até o cinemascope, das proxeccións ao aire libre ás salas que durante anos acolleron a veciñas e veciños que sentados en cadeiras que ás veces levaban de casa, ou máis adiante en cómodos sofás, contemplaron os mundos descoñecidos e as historias fantásticas que se reflectían nas pantallas. Arturo Sánchez daranos a coñecer ese fenómeno social tan característico dunha época, hoxe en desaparición, e sumaralle a implantación en Bueu desa outra modalidade de escenificación que é o teatro.
O programa rematará coa conferencia “O mar feito arte: a pegada de Urbano Lugrís en Bueu”. Nela o xornalista Francisco Rodríguez Pastoriza traeranos de volta a Bueu a figura de Urbano Lugrís, o artista que non deixaba de axexar o mar. Nunha conversa con José María Barreiro, abordarase a figura deste personaxe central dunha época poliédrica, dunha xeración de vangardas, dun momento estelar da cultura galega, da traxedia dunha guerra e dunha Galicia amputada. Ademais farán fincapé no vínculo que o artista estableceu coa vila de Bueu, explicitado nos murais do Museo Massó e no deseño e debuxos da capela dos Santos Reis.
Ademais das propias charlas, dende o Concello de Bueu anúnciase a publicación de varios libros que reunirán o contido das mesmas e que se entregarán de balde ao público asistente.