O Concello de Bueu e Liboreiro organizan esta semana as XXV Xornadas Micolóxicas
- As actividades terán lugar do 19 ao 22 de novembro no Centro Social do Mar a partir das 20.30 horas
O Concello de Bueu e a Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro organizan do 19 ao 22 de novembro as XXV Xornadas Micolóxicas que se celebrarán no Centro Social do Mar a partir das 20.30 horas e que incluirán varias charlas sobre o mundo dos cogomelos, ademais dunha exposición con noticias e actividades da AMN Liboreiro tiradas do Faro de Vigo.
As xornadas arrancarán este martes 19 coa presentación da guía “Mixomicetos de Galicia e Norte de Portugal”, a cargo de Óscar Requejo e Floro Andrés do Grupo Micolóxico Galego. O mércores, Alexandre Mínguez, divulgador e membro do mesmo grupo, falará de media ducia de cogomelos que pasaron de comestibles a tóxicos ou sospeitosos. Continuarán o xoves con Marisa Castro, bióloga e investigadora en micoloxía, quen dará a coñecer a figura de Antón Patiño «O Vello», membro de honra e fundador da A.M.N.L.
O remate será o venres 22 coa charla sobre cogomelos de interese etnomicolóxico a cargo de José María Costa Lago, da Asociación Micolóxico- Naturalista Pan de Raposo da Costa da Morte.
Estas xornadas pretenden achegar o mundo micolóxico ao público xeral, e de aí que se promovan diversas temáticas que se abordan sempre dende un punto de vista que combina a divulgación coa especialización.