O Concello de Bueu dixitalizará a memoria fotográfica da vila
- O concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, salienta que os primeiros fondos que van formar parte deste proxecto serán imaxes relativas aos irmáns Carballal e á familia Gaggero
O Concello de Bueu dixitalizará a memoria fotográfica da vila, no marco dun proxecto pioneiro que se está levando a cabo conxuntamente entre o Arquivo Municipal de Bueu e o Arquivo Audiovisual da Deputación de Pontevedra. Segundo avanza Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, “os primeiros fondos fotográficos elixidos son os relativos aos irmáns Carballal e á familia Gaggero, ambos situados temporalmente a finais do século XIX e no primeiro terzo do século XX”. A idea é que, unha vez dixitalizados os fondos, a veciñanza poida atopalos na web “Atopo”, onde se localizan numerosos fondos documentais e gráficos da provincia.
Esta iniciativa piloto lévase a cabo conxuntamente entre José María Cumbraos, responsable do Arquivo Audiovisual da Deputación de Pontevedra, Belarmino Barreiro, arquiveiro municipal de Bueu, e Arturo Sánchez Cidrás, investigador local.
Os arquivos pretenden ser os primeiros en dixitalizarse, un proceso complexo que requirirá do emprego de escáneres especializados, e que agarda ser o xerme para a localización de máis fondos fotográficos para que poidan estar ao dispor da veciñanza.
Así mesmo, dende a concellaría que dirixe Moital tamén se anuncia a incorporación dun bolseiro/a con estudos de historia para o Arquivo Municipal, que se contratará no marco dunha subvención da Xunta de Galicia. Esta persoa comezará o programa en xullo e estará levando a cabo tarefas relacionadas coa documentación durante seis meses, con posibilidade de prórroga de seis meses máis.
Os irmáns Lago Carballal
Naturais da praia de Beluso e cunha familia vinculada á industria da salgadura, os irmáns Francisco e Salvador Lago Carballal foron dúas figuras clave no desenvolvemento da vida cultural bueuesa no primeiro terzo do século XX.
A música e o teatro espertaron o seu interese, pero tamén o fixo especialmente a fotografía, sobre todo no irmán máis pequeno, Salvador. Este feito levouno a conseguir en 1921, e con só 23 anos, o segundo Premio Nacional de Fotografía convocado por Kodak e baixo o título de «Escenas de verano».
Dentro das súas imaxes, que adoitaba revelar el mesmo e que agora serán dixitalizadas, hai unha ampla variedade que vai desde os retratos ata fotografías paisaxísticas. Ademais, existen evidencias que revelan que os irmáns coñeceron tamén a Johan Carballeira e a Gonzalo Torrente Ballester.
Familia Gaggero
O outro arquivo fotográfico que formará parte do proxecto piloto de dixitalización é o da familia Gaggero, naturais de Xénova e que se estableceron na vila a comezos do século XX. Precisamente, ao longo dos anos trinta rexistráronse dúas fábricas de salgadura a nome da familia e outra de conservas situada en Pescadoira.
Attilio Gaggero converteuse tamén nun afeccionado á fotografía amateur e cuxas imaxes se tratará de localizar no marco deste proxecto piloto. Ademais, Attilio chegou a ser o primeiro presidente do club de fútbol de Bueu.