O Concello de Bueu culmina a pavimentación de varios camiños en Ermelo
O Concello de Bueu culminou a pavimentación de varios tramos de camiños interiores na contorna da aldea de Ermelo, que permitiron mellorar o acceso ás vivendas por parte da veciñanza da zona.
As obras foron acometidas pola empresa E.C. Casas, cun orzamento de 33.004,73 €, IVE engadido, e financiadas no marco do ‘Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021″ da AGADER, coa axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Esta obras súmanse ás que o Concello levou a cabo nos últimos anos nesta aldea, que comezaron coa rehabilitación da praza central e que se complementarán proximamente cunha actuación na zona baixa, coñecida como Camiño da Fonte, e na zona alta, concretamente no camiño que vai dende o recinto da igrexa ata o cruce do vial de acceso á Esculca.
Para o goberno local, a rexeneración da contorna da aldea de Ermelo é un dos proxectos máis ilusionantes dos últimos anos, sobre todo porque con el se consegue por en valor o patrimonio e a cultura deste núcleo histórico – tradicional no marco do contexto do proxecto “Ermelo: cerne do Morrazo”. A aldea conta co mosteiro prerrománico de Santiago de Ermelo, que provén do século X e foi reconstruído en estilo románico en 1104 trala súa destrución polos normandos. Posteriormente no século XVIII, sufriu unha nova reedificación barroca. No seu interior atópanse tesouros de recoñecido valor histórico, como inscricións epigráficas, inscricións sepulcrais, etc.