O Concello de Bueu creará unha liña de axudas para promover a creación de alfombras florais
- A Festa das Alfombras Florais do Corpus de Bueu celebrarase o próximo 2 de xuño, e dende o consistorio traballan na programación na que o obxectivo principal é fomentar a participación social
- O goberno local celebrou dende finais do pasado ano varias xuntanzas cos colectivos de alfombristas implicados e co párroco
O Concello de Bueu creará unha liña de axudas para promover a confección de alfombras florais de cara á Festa das Alfombras Florais do Corpus de Bueu, que se celebrará o próximo 2 de xuño. Así o avanzaron Carmen García, concelleira de cultura, e Xosé Leal, edil de facenda e subvencións, na xuntanza mantida o pasado martes cos colectivos de alfombristas da vila e na que tamén participou o párroco.
O goberno local pretende ampliar a participación da veciñanza e do tecido asociativo e social nesta festa, e de aí que se estea a traballar na creación dunhas axudas para fomentar a elaboración de alfombras florais de cara a reforzar a ambientación das rúas e revitalizar esta tradición cunha historia que se remonta ao século XVII. Estas axudas de participación, para as que se destina un crédito de 9.000 €, dividiranse en dúas liñas: 4.500 € repartiranse en contías económicas por participar e elaborar alfombras de tamaños 3 x 5 metros, 3 x 10 metros e 3 x 15 metros. A outra parte, do mesmo importe, destinarase a bonos comercio que se entregarán ás persoas participantes e coas que se reforzará o comercio de proximidade.
Os premios por participación estarán dirixidos a aquelas persoas ou colectivos que realicen as alfombras dentro do percorrido marcado para a festividade de 1,4 quilómetros, e que abrangue as rúas de Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos, e Francisco Escáneo.
Estas axudas irán moi en consonancia con todo o traballo para a festa desta edición, na que se organizarán obradoiros e outras actividades para que a veciñanza se anime a elaborar tapices florais. Así mesmo, e para seguir lembrando a historia da festa, vaise organizar unha exposición de fotos antigas.
A tradición das alfombras florais en Bueu
A festa das alfombras conta con máis dun cento de anos de antigüidade, aínda que o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950. Un dos costumes que máis lembran os veciños e veciñas da vila son as recoñecidas carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira.
Hai que salientar que a Festa das Alfombras de Bueu foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017, é Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.