Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu convoca o programa ‘Concilia Bueu’ con importantes novidades

  • O prazo de presentación das solicitudes estará aberto dende o 5 ao 12 de xuño
  • O programa desenvolverase no municipio, en horario de mañá, dende o 24 de xuño ao 6 de setembro

O Concello de Bueu prepárase para a realización da nova edición do programa ‘Concilia Bueu’, que nesta edición traerá importantes novidade con respecto aos anos anteriores, como é a ampliación de prazas, a duración do programa, o horario diario, ou a posibilidade de comedor.

O prazo de inscrición estará aberto dende o 5 ao 12 de xuño, e dende a concellaría de benestar social informan que o programa terá un custe económico para as familias, despois de que se aprobe o prezo público na Xunta de Goberno previsto para a próxima semana. Previsiblemente será de 50 € cada mes de xullo e agosto, e 12,5 € nas semanas do 24 ao 28 de xuño, e do 2 ao 6 de setembro. O Concello é consciente de que dende as administracións é necesario habilitar mecanismos e iniciativas para que, durante a tempada estival, a rapazada nada entre 2012 e 2020 poida acceder a alternativas de ocio adaptadas ás circunstancias actuais, o que repercutirá na conciliación familiar e laboral.

O programa, que viña desenvolvéndose anteriormente en xullo e agosto, ampliarase agora en dúas quendas máis, polo que estará operativo dende o 24 de xuño ao 6 de setembro, que era unha demanda que as familias realizaban ante as dificultades para conciliar pola ausencia das clases escolares. Ademais, tamén se amplía o horario ata as 15 horas, e existirá un servizo de comedor que as familias poderán contratar co cátering asignado.

En total convócanse 120 prazas en cada quenda, das cales 10 estarán reservadas para persoas en risco de exclusión social. O programa, no que a cativada poderá realizar diversas actividades,  desenvolverase en diversos espazos favorables para as súas emocións e sentimentos, debido á necesidade de ofertar un recurso de conciliación para as familias e de educación non formal para o tempo de lecer.

A participación polo procedemento xeral segue unha orde de adxudicación, sendo as solicitudes prioritarias as que pertenzan a nenos e nenas, dun mínimo de 3 meses, empadroados/as en Bueu. Estas prazas serán adxudicadas segundo a situación socio-familiar e laboral familiar. No caso de non cubrir as solicitudes que compoñen este procedemento, os nenos e nenas empadroados noutros concellos poderá optar a estas prazas vacantes.

As persoas interesadas en participar deberán presentar as solicitudes de forma presencial ou en formato electrónico a través da Sede Electrónica do Concello de Bueu (https://bueu.sedelectronica.gal). A documentación que deben facilitar en ambos casos é o anexo relativo á solicitude de participación, o xustificante de empadroamento (en caso de que non se permita a consulta), a fotocopia da tarxeta demandante de emprego, no caso de atoparse nesta situación e a do libro de familia ou outro tipo de documento que acredite esta información. Tamén se debe entregar o certificado ou xustificante de empresa con data do presente xuño, no caso de atoparse en situación laboral activa. Por último, a fotocopia do libro de familia numerosa e do certificado de monoparentalidade, no caso de estar nunha destas súas circunstancias.