O Concello de Bueu continúa coa campaña «Ler conta moito» para a dinamización da lectura nas bibliotecas
- Os días 6, 12 e 18 de xuño desenvolveranse diversas actividades infantís nos espazos das bibliotecas de Bueu, Cela e Beluso
Logo do éxito colleitado no mes de abril, o Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura e bibliotecas, continúa en xuño co programa “Ler conta moito”, no que se promoverán diversos contacontos nas bibliotecas municipais co fin de achegar a lectura á cativada.
O programa, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, estenderase durante tres días do mes de xuño ás 18.30 horas en diversos espazos municipais das tres parroquias. Así, a primeira das actividades será “Brinca vai! De aquí a acolá!” de Paco Nogueiras, que se poderá ver na Biblioteca Municipal de Beluso o 6 de xuño. É un espectáculo baseado no libro-cd-dvd “Brinca Vai!”, editado por Kalandraka Editora, no que se combinan cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos. As alegrías, as amizades, os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas do ano e o respecto á nosa lingua serán parte da equipaxe nun camiño onde a música soa con forma de sorriso.
A seguinte será o 12 de xuño, á mesma hora, e neste caso terá lugar no Parque Ramal dos Galos. O Mago Paco trae “Maxia divertida, cantamaxias”, unha unha morea de contos e historias a través de xogos e da maxia, que levará a nen@s e maiores a descubrir a “maxia divertida” que agochan os contos.
O programa rematará o 18 de xuño coa obra “Rosalía cantareira”, de Jara Ortiz, que se poderá ver na Biblioteca Municipal de Cela. Neste obradoiro musical, os pequenos e pequenas coñecerán algúns dos poemas de Rosalía de Castro, ademais da procedencia dos diferentes ritmos da nosa música tradicional a través da pandeireta.
Carmen García, concelleira de cultura, mocidade e bibliotecas, salienta que “estas actividades buscan dinamizar as bibliotecas como lugares de encontro, ao tempo que se achegan ás novas xeracións”.
A información sobre as actividades pode consultarse completa na web de Ler Conta Moito.