O Concello de Bueu continúa coa ampliación da rede de abastecemento en Castrelo
O Concello de Bueu está levando a cabo diversas actuacións consistentes na ampliación das redes de abastecemento municipal, un servizo básico cada vez máis demandado pola cidadanía. En semanas anteriores instalouse un primeiro tramo entre Antepazo e o CEIP A Torre de Cela, o que vai permitir que o colexio conte por primeira vez con servizo de auga da traída municipal. Esta obra completarase nos vindeiros días ata acadar 1000 metros.
Tamén no lugar de Castrelo se están acometendo as obras para dotar de abastecemento aos veciños e veciñas da zona, que se fará en dous tramos que suman un total de 500 metros. Precisamente, na mañá deste mércores, o alcalde da vila, Félix Juncal, visitou as obras xunto ao concelleiro de obras e servizos, Fidel Castro, e o arquitecto técnico municipal.
Por último, é importante destacar que xa está programada para nos vindeiros días realizar, en colaboración coa empresa encargada do servizo de auga, a ampliación do abastecemento en Trasouto, onde se dará servizo a un servizo de casas que carecían del.