O Concello de Bueu consegue 700.000 euros para a reforma do Pavillón de Beluso
- A axuda da Secretaría Xeral para o Deporte permitirá resolver as deficiencias estruturais desta infraestrutura así como as humidades
- O proxecto conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros, e propón actuacións que converterán esta instalación nun referente a nivel de eficiencia enerxética, dado que precisamente conseguiu a máxima subvención por este motivo
O Concello de Bueu vén de conseguir 700.000 euros para a reforma do Pavillón Municipal de Deportes de Beluso. A axuda provén da Secretaría Xeral para o Deporte e supón a máxima contía establecida na convocatoria, coa que se financiará o 40% do proxecto valorado en máis de 1,7 millóns de euros, e co se que solucionarán as deficiencias estruturais e de humidade, ademais de converter a instalación nun referente a nivel de eficiencia enerxética.
Félix Juncal, alcalde da vila, e Xosé Leal, concelleiro de facenda, subvencións e contratación pública, destacan que “trátase dunha proposta innovadora, sobre todo na eficiencia enerxética, que é algo que se salienta no proxecto e grazas ao que conseguimos a máxima subvención posible, que eran 700.000 euros”. O Concello presentou a solicitude da subvención con cargo ao Fondo de Cooperación Local para investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, e concorreu con este proxecto elaborado a finais de 2022 e que xa fora presentado aos clubs e á veciñanza do lugar, ademais de optar a outras liñas de subvencións que foron rexeitadas. O goberno local traballa agora na busca de alternativas de financiamento para que o proxecto saia adiante. Para iso estase estudando a posibilidade de solicitar unha operación de crédito, unha decisión pendente da incorporación nos próximos días dunha nova tesoureira municipal. Segundo avanzan Juncal e Leal, “non deberiamos ter problemas en conseguilo, posto que non arrastramos débeda e en 2020 amortizamos o plan de pago a provedores con case dous anos de adianto”.
Esta actuación solucionará os problemas que a instalación deportiva arrastra dende hai tempo, case dende a súa inauguración no ano 2007, como a humidade nos vestiarios e as filtracións de auga da chuvia que entran pola cuberta, pero tamén aplicará conceptos adaptados aos tempos que vivimos, como a eficiencia enerxética, a sustentabilidade ambiental, a accesibilidade ou a habitabilidade.
O proxecto, de gran interese para a cidadanía e os clubs usuarios, contempla a reforma para dar solución ás deficiencias, pero pretende ser un proxecto de reforma integral. Entre as propostas, están a apertura de varias ventás para dotar de luz natural á pista, a instalación dunha nova fachada ventilada con illamento térmico, ou a mellora do illamento e a impermeabilización da cuberta levando a auga cara ao exterior. Así mesmo forraranse as paredes interiores con paneis acústicos, farase unha instalación na cuberta con paneis fotovoltaicos e renovaranse todas as instalacións do edificio por unhas de alta eficiencia enerxética. O proxecto tamén servirá para reforzar a seguridade, a través de accións como a substitución de tódalas varandas que non cumpren coa normativa actual, por exemplo as das gradarías, que se substituirán por vidros que ademais melloran a visibilidade da pista.
Na planta baixa, a nova distribución permitirá contar con catro vestiarios de equipo e dous de árbitros, todos eles accesibles para PMR. Na planta alta, situaranse os aseos do público feminino, masculino e PMR; neste último, incorporarase un lavabo para persoas ostomizadas. A pista será dun pavimento deportivo con acabado en madeira para unha maior flexibilidade nas diferentes disciplinas deportivas, xa que este pavimento é o único que permite o seu uso tanto aos deportes de pelota coma aos de patinaxe. Dotarase tamén o pavillón cun vídeo marcador de dez metros cadrados de superficie, así como dunha instalación de música e son.