O Concello de Bueu conmemora o Día de Rosalía
Como cada ano, o Concello de Bueu únese á celebración polo Día de Rosalía, que se conmemora este 23 de febreiro, coincidindo coa data de nacemento da poeta máis internacional da Galiza. Así, dende o comezo da semana repartíronse manteis entre a hostalaría bueuesa, no marco dunha campaña da Deputación de Pontevedra. O deseño baséase no coñecido caldo de gloria de Rosalía, no que se fai alusión á gastronomía tradicional galega, humilde e cunha gran simboloxía social. Nos manteis, ademais de incluírse o poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas, explícase a historia dunha muller pobre que conta a súa épica diaria para sobrevivir.
Así mesmo, dende a Rede de Bibliotecas de Bueu agasállanse aos usuarios e usuarias estes días cuns marcapáxinas nos que se recollen versos de dúas das poetas máis recoñecidas da vila bueuesa como son Míriam Ferradáns e Lucía Novas. Así, o que se pretende é dar a coñecer a obra destas dúas mulleres e espallar a poesía galega entre o lectorado.