O Concello de Bueu concede as subvencións culturais do ano 2019
- Outorgáronse un total de 30.000 euros para as escolas de música e a actividades culturais da vila
O Concello de Bueu vén de outorgar as subvencións para actividades culturais desenvoltas no ano 2019 e para o funcionamento das escolas de música no curso 2018/2019, cun orzamento total de 30.000 euros. Segundo o informe de valoración técnica, e tras a celebración da comisión a pasada semana, acordouse conceder dúas subvencións a escolas, concretamente á Banda de Música Artística de Bueu, por importe de 2.419,35 euros, e a Retrouso de Cela, por 2.580,65 euros.
En canto ás axudas para actividades culturais, a Asociación San Marcos de Beluso levará 1.458,95 euros; a Coral Polifónica de Bueu, 1.762,79 euros; a Coral Polifónica de Beluso, 1.405,68 euros; a Coral Acordes, 1,286 euros; o Cineclub de Bueu, 711,29 euros; a Comisión de Festas de Cabalo, 2.569,93 euros; a Comisión de Festas de Bueu, 3.480,40 euros; a Comisión de Festas de Meiro, 1.577 euros; a Banda de Gaitas Manxadoira, 3.796,21 euros; Retrouso de Cela, 2.600,21 euros; a Banda de Música Artística de Bueu, 3.457,99 euros; e o Club Golfiños, 893,55 euros.
Para o outorgamento das subvencións culturais valoráronse criterios como o impacto e alcance da actividade, o orzamento total de actividades, a promoción da lingua galega, o fomento da igualdade entre mulleres e homes, a duración do programa e as edicións da actividade. No caso das escolas de música tivéronse en conta o número de alumnado matriculado no curso así como o persoal docente, o orzamento da escola e o ámbito de participación do alumnado en eventos.