Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu comezou este luns os cursos de natación na piscina e as ximnasias

  • Os cursos de iniciación e perfeccionamento para persoas adultas e pequenas son impartidos por monitores do Club de Natación Galaico de Pontevedra
  • Así mesmo retomáronse as actividades físico – deportivas na piscina, en Beluso, Cela e Meiro, así como as destinadas a persoas con Parkinson

O Concello de Bueu, a través da concellaría de deportes, comezou esta semana cos cursos de iniciación e perfeccionamento de natación na Piscina Municipal das Lagoas, que esgotaron xa todas as prazas tanto para persoas adultas como para a cativada nada entre o 2010 e o 2016. Estas clases son impartidas por monitores do Club de Natación Galaico de Pontevedra.

Esta iniciativa, que se levará a cabo dende outubro ata decembro, pretende continuar coa aposta do goberno local polos hábitos saudables ao tempo que se ofrecen máis alternativas para a cidadanía neste gran centro deportivo. As clases de balde están pensadas inicialmente para ter lugar nestes meses, á espera da finalización do proceso de licitación do contrato de servizos para a apertura total da piscina con todas as súas funcionalidades. No caso de non estar operativo a comezos de ano o contrato, prolongarase a actividade ata completar a tramitación administrativa.

Segundo os datos do departamento, as 114 prazas xa se esgotaron en menos dunha semana polo que se cubriron os 10 grupos previstos en horario de tarde e mañá tanto os luns coma os xoves. Así mesmo, á vista da demanda e co obxectivo de darlle cobertura a parte das persoas en lista de agarda, habilitáronse máis horarios os mércores tanto pola tarde como pola mañá, con 57 prazas máis.

Clases de ximnasia “Manténdonos en forma”

Así mesmo, dende o Concello tamén se continúa co programa “Manténdonos en forma”, no que se inclúen as ximnasias tanto do casco urbano como das parroquias. Todas as actividades arrancaron o luns e xa na piscina municipal están as 150 prazas cubertas, mentres que en Cela hai 14 participantes, en Beluso, 57, e en Meiro, 15. Así mesmo tamén hai clases de ximnasia para persoas con Parkinson, que se imparten en colaboración con Apropark e que acollen a 27 usuarios e usuarias.

Ricardo Verde, concelleiro de deportes, salienta que “dende o Concello continuamos cun ambicioso programa que conta con gran acollida por parte da poboación e que achega o deporte e a saúde a moitas franxas de poboación”.

O Concello continúa coa apertura da piscina de forma gratuíta e en horario de luns a venres de 09.00 a 12.00, e de 17.00 a 21.00 h, e os sábados de 09.00 a 12.00 horas. As persoas que queiran inscribirse poderán chamar ao teléfono 986138689, ou escribir ao correo electrónico piscina@concellodebueu.gal. Desta mesma forma poderase proceder para participar nas clases de zumba que teñen lugar tamén neste espazo varios días á semana.