O Concello de Bueu comeza o 5 de febreiro os obradoiros de memoria para maiores
-
As sesións desenvolveranse tanto no Centro Social do Mar como na Casa do Pobo de Beluso en diversos grupos
O Concello de Bueu organiza un ano máis os obradoiros de memoria para persoas maiores que se iniciarán o 5 de febreiro. Nesta edición están programados catro grupos: no Centro Social do Mar os luns e mércores de 10 a 11.30 ou os martes e xoves de 10 a 11.30 h; e na Casa do Pobo de Beluso, os luns e mércores de 10.30 a 12 ou os martes e xoves de 10.30 a 12 h. As persoas que desexen participar poderán inscribirse previamente entregando a solicitude no Rexistro Xeral do Concello.
Esta iniciativa, que forma parte da implementación de políticas sociais activas do goberno local bueués, ten como obxectivos o fomento do envellecemento activo, o aumento na calidade de vida, o coñecemento de novas actividades de ocio e tempo libre, a mellora nas relacións sociais, etc.
Os talleres son levados a cabo polos Centros de Día Pescadoira e Centro de Día Contigo, ambos de Bueu. A través deles, arredor de sesenta persoas seguirán as propostas de Estimulación Cognitiva, que buscan intervir nas funcións intelectuais que se poden ver afectadas nas persoas maiores: memoria, razoamento verbal e non verbal, percepción, atención, concentración, funcións executivas, etc., achegando métodos e estratexias para optimizar o funcionamento destas capacidades.