O Concello de Bueu comeza este sábado as rutas de sendeirismo
- A camiñada sairá da praia de Portomaior ás 9.30 horas e percorrerá o Sendeiro do Litoral I, que vai ata o centro urbano da vila
O Concello de Bueu comeza este sábado, 14 de xullo, as rutas de turismo que darán a coñecer diversos espazos da contorna. A primeira camiñada sairá da praia de Portomaior ás 9.30 horas e percorrerá o primeiro tramo do Sendeiro do Litoral.
As seguintes rutas serán a dos Pazos, o 21 de xullo e 1 de setembro, a dos Abades I, o 28 de xullo e o 8 de setembro, a dos Abades II, o 4 de agosto, a dos Muíños, o 11 de agosto e 22 de setembro, a de Udra, o 18 de agosto e 29 de setembro, e o Sendeiro do Litoral II, o 25 de agosto.
Ademais desas rutas dos sábados, hai que salientar que todos os mércores (agás festivos) de xullo e agosto sairán da Praza Massó outras para coñecer outros lugares como Meiro, Igrexario, Portomaior, etc. O obxectivo delas é fomentar hábitos saudables e dar a coñecer a vila.
Tamén hai que destacar que durante este verán as Aulas Medioambientais de Cabo Udra e Agrelo manterán atención ao público. Así, o Centro de Interpretación de Agrelo estará aberto ata 2 de setembro, concretamente os venres de 19 a 21 horas e os sábados, domingos e festivos de 11 a 20 horas. E a Aula da Natureza de Cabo Udra estará aberta ata o 30 de setembro, os venres de 19 a 20 horas e os sábados, domingos e festivos, das 11 ás 20.30 horas. Nesta última xestionaranse excursións cos centros escolares e asociacións e rutas pola contorna todos os sábados.