O Concello de Bueu comeza esta semana as ximnasias en Bueu, Beluso, Cela e Meiro
- O alcalde e o concelleiro de deportes visitaron este luns o grupo que comezou no Pavillón de Beluso a primeira hora da mañá
- O goberno local segue apostando polo fomento de hábitos saudables entre todas as franxas de poboación
O Concello de Bueu, a través da concellaría de deportes, comeza esta semana o programa de ximnasias que se desenvolven de balde na piscina municipal de Bueu, así como no Pavillón Municipal de Beluso, no Torrecino de Cela e na Casa da Aldea de Meiro. Con máis de 360 persoas inscritas, con el foméntanse hábitos saudables e actividades deportivas para todas as idades, cunha especial incidencia nas máis maiores.
Dende o Concello continúase apostando por esta iniciativa que conta con gran acollida por parte da poboación e que achega o deporte e a saúde a moitas franxas de poboación. Precisamente, na mañá deste luns, Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Ricardo Verde, concelleiro da área, realizaron unha visita ao primeiro grupo que comezou as clases en Beluso.
Segundo os datos do departamento de deportes, en Beluso hai un total de 53 persoas inscritas, que se dividen en dous grupos que teñen clases os luns e mércores ás 9 e ás 10 horas, respectivamente; mentres en Cela haberá un grupo de 17 persoas os martes e xoves ás 10 horas; e no lugar de Meiro, 15 veciños e veciñas gozarán das ximnasias os luns e mércores ás 17 horas. A eles súmanse 275 persoas nos grupos de mañá e de tarde que realizarán actividades na Piscina Municipal de As Lagoas, nos que tamén se inclúen clases para unha vintena de persoas con Parkinson.
Dende o goberno local continúase apostando polas políticas de fomento de actividades deportivas no marco da acción “Bueu Saudable” que ano tras ano acolle a moitísimas persoas que realizan deporte adaptado, ademais de promover charlas sobre hábitos saudables.