O Concello de Bueu comeza dous cursos de iniciación á lingua de signos para a cidadanía
- Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, participou este martes na inauguración dos cursos, nos que participan una trintena de persoas divididas en dúas quendas
- A formación, que consta de 30 horas, é impartida polo persoal da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia XOGA
O Concello de Bueu comezou este martes os cursos de iniciación á lingua de signos, cunha trintena de participantes que aprenderán nocións básicas para comunicarse con persoas que padecen algunha discapacidade relacionada coa diversidade sensorial. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, asistiu ao arranque destas formacións, que teñen lugar os martes e xoves en dúas quendas, e salientou que “é importante que as persoas poidamos expresarnos na sociedade e que toda a cidadanía coñeza a diversidade sensorial na súa amplitude”.
Esta formación, que consta de 30 horas, será impartida ata decembro por persoal da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia XOGA na sala de usos múltiples do Departamento de Benestar Social. Dado o elevado número de persoas inscritas, o Concello xa ten programada unha segunda edición que se celebrará entre finais deste ano e comezos do que vén.
Esta actividade englóbase no marco dun proxecto de fomento da accesibilidade e a inclusión, e inclúe accións tanto formativas como de concienciación. Por iso, ademais do curso para a cidadanía, tamén esta semana o persoal municipal comezou unha formación coa que se pretende seguir avanzando para a consecución dunha administración máis accesible.
O Concello de Bueu ten en marcha este ano un programa de mellora da accesibilidade e da inclusión en diversos ámbitos, e xa en xuño se puxeron en marcha as primeiras xornadas sobre diversidade sensorial, organizadas xunto a XOGA.
Xoga, apostando pola diversidade
Xoga é unha entidade de iniciativa social nacida no 1990, sen ánimo de lucro que vela polos intereses das persoas con diversidade sensorial (persoas xordas, con perda auditiva e xordocegueira), das súas familias e profesionais en tódolos ámbitos da sociedade, desenvolvendo un traballo de interlocución para ofertar unha serie de servizos e actividades inclusivas ás persoas con diversidade sensorial da Galiza.