O Concello de Bueu comeza coa retirada da simboloxía franquista das fachadas das igrexas
- A empresa Árbore Arqueoloxía leva a cabo os traballos, cun orzamento que supera os 10.000 euros, co que se dá cumprimento a unha das medidas da Lei de Memoria Histórica
O Concello de Bueu comezou esta semana coa retirada da simboloxía franquista das fachadas das igrexas, uns traballos que está acometendo a empresa Árbore Arqueoloxía e que se levarán a cabo nos templos de Bueu, Cela e Beluso. Os labores consistirán basicamente na desmontaxe das cruces das fachadas e os nomes dos veciños falecidos no banco nacional.
Segundo apunta Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, “o que pretendemos é cumprir coa Lei de Memoria Histórica, e xa contamos coas pertinentes autorizacións do Arcebispado de Santiago e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”. Así, dende o goberno decidiuse agardar á finalización das celebracións da Semana Santa, pero o luns montáronse as andamiaxes, e na igrexa de Bueu xa se retiraron todos os elementos.
Despois desta retirada, o persoal técnico e especializado deberá proceder á reparación e reintegración da fachada para devolver o seu aspecto orixinal, e as inscricións serán gardadas e almacenadas por se algunha das familias desexase reclamalas. Esta actuación conta co financiamento da Deputación de Pontevedra no marco das subvencións para a supresión da simboloxía franquista nos espazos públicos e a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural, dirixidas aos concellos da provincia de Pontevedra para o ano 2022.
O Concello de Bueu avanza un paso máis na memoria histórica, e lembra esta reivindicación que tamén compartían dende a Asociación de Amigos de Johan Carballeira e para a que presentaron unha moción plenaria hai xa uns anos.