O Concello de Bueu comeza as obras de mellora no cemiterio de Bueu
- A actuación foi adxudicada a Construcciones Castro Figueiro por 84.144,72 €, IVE engadido, e fináncianse con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra
- O cemiterio contará con 108 novos nichos, 52 columbarios e 27 cinseiros, e tamén se arranxará a entrada principal e os accesos
- Mentres dure a obra, e por motivos de seguridade, quedará restrinxida a entrada pola porta principal, polo que o acceso ao cemiterio será dende o tanatorio
Félix Juncal, alcalde de Bueu e concelleiro de obras e servizos, e Alfredo de la Campa, arquitecto técnico municipal, visitaron esta semana as obras de mellora que se iniciaron no cemiterio de Bueu, e que permitirán dotar esta instalación con 108 novos nichos e 52 columbarios nunha ampliación en dous bloques situados a ambos lados da porta principal. Así mesmo, sobre os dous módulos de nichos situarase unha fila cun total de 27 cinseiros baixo a cuberta inclinada de remate dos módulos. A empresa Construcciones Castro Figueiro é a encargada de levar a cabo esta obra, que conta cun orzamento de adxudicación de 84.144,72 €, IVE engadido, e que se financiará con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.
Segundo apunta o rexedor, “trátase de recuperar unha zona degradada e mellorar a imaxe do camposanto no pórtico de entrada e cos pavimentos”. Por iso, ademais da ampliación dos nichos, a actuación permitirá pavimentar os accesos á zona, o arranxo do muro perimetral e o reforzo do pórtico de entrada coa substitución do portal actual. Así mesmo, con esta obra extraeranse os tocóns existentes e pavimentarase a rúa, incluíndo unha beirarrúa de 80 cm de acceso aos nichos, tal e como consta no proxecto técnico.
Debido ás obras, dende o Concello avísase á veciñanza de que o acceso dende a entrada principal quedará restrinxido, polo que o acceso ao cemiterio será dende o tanatorio. O alcalde pide desculpas á cidadanía polas molestias ocasionadas pero salienta que “por motivos de seguridade, mentres dure a obra temos que adoptar esta medida”.
Esta actuación, moi agardada polo goberno local, permitirá cubrir a demanda dos últimos anos por parte da cidadanía.