O Concello de Bueu celebrou o primeiro pleno telemático da súa historia
- A aprobación inicial dos orzamentos xerais 2020, o proxecto modificado e indemnización da piscina, o regulamento de participación cidadá ou a toma de posesión de Agustín Gallego como novo concelleiro, foron algúns dos asuntos da sesión
- O pleno emitiuse en directo a través da canle de Youtube do Concello de Bueu e durou preto de catro horas
A corporación local de Bueu foi protagonista este luns, 1 de xuño, do primeiro pleno telemático da historia do Concello, unha situación provocada por mor da crise sanitaria que estamos vivindo tras a Covid-19. A sesión plenaria arrancou pasadas as nove e media da noite e estendeuse case catro horas, e a cidadanía puido seguir o debate dende as súas casas a través da canle de Youtube municipal.
Tras a aprobación das respectivas actas das sesións anteriores, o primeiro dos asuntos a abordar foi a toma de posesión de Agustín Gallego Piñeiro como edil do BNG en substitución de Tamara Sotelo. O alcalde deulle a benvida salientando que “Bueu precisa de xente moza que se poña na primeira liña porque o futuro depende de vós”. Pola súa banda, o novo concelleiro mostrou a súa disposición para facer todo a prol do pobo.
A continuación aprobouse a modificación de créditos por suplemento de crédito de 185.831,94 €, cos votos a favor do BNG e ACB, e as abstencións do PP e PSOE. Neste punto, o alcalde salientou que “cada ano temos que facer moitos esforzos para cadrar os orzamentos debido á lei de estabilidade orzamentaria que aprobou o goberno estatal no 2012 e que nos impoñen unhas regras de gasto moi limitadas para os concellos”.
O seguinte punto, moi relacionado co anterior, consistiu na aprobación do expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos por importe de 558.393,18 €, que se levou adiante cos votos a favor do grupo de goberno (BNG e ACB) e en contra do PP e PSOE. O expediente consiste no pagamento de facturas de servizos que se prestaron no 2019 e que foron presentadas no 2020, sendo o groso as correspondentes a Naturgy ou o canon de Sogama. Dende o PP e PSOE esgrimiron a súa oposición a este recurso xa que, apuntaron, o recoñecemento debería ser unha figura extraordinaria que se está utilizando de forma viciada por parte do goberno local.
Tamén foi asunto deste pleno a aprobación definitiva do Regulamento de Participación Cidadá, un instrumento que permitirá regular a participación da veciñanza na política local sobre todo a través dos Consellos Parroquiais e Sectoriais. A proposta contou cos votos favorables de toda a corporación.
Proxecto modificado da piscina e indemnización
Quizais un dos asuntos con máis peso dentro da sesión plenaria foi o relativo á aprobación do expediente de modificación da piscina municipal cuberta, e a reclamación de cantidades formulada pola contratista polos danos e prexuízos derivados da suspensión temporal da obra.
Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, foi o encargado de explicar este asunto, do que todos os trámites se someten a aprobación plenaria dada a súa condición de obra maior. Segundo el, “o proxecto modificado redáctase coa intención de reinvestir a baixa do procedemento de licitación, polo que eses 421.250,61 € non supoñen ningún gasto a maiores para as arcas municipais”. O edil apunta que esta modificación responde á corrección de pequenos axustes e medicións, amais de recoller o reforzo estrutural da parte metálica, máquinas máis eficientes, e un acondicionamento óptimo da contorna co edificio.
Dada a complexidade do asunto, os partidos da oposición fixeron valer a súa opinión contraria. María Blanco, concelleira do PP, apuntou que “este proxecto xa comezou con mal pé, empezando pola propia ubicación, nun espazo pequeno e sen aparcadoiro propio”, ademais de que “o Concello tivo que empregar todo o Plan Concellos 2018 e 2019 da Deputación habendo outras necesidades máis imperiosas”. Pola súa banda, Elisa Dios, do PSOE, fixo fincapé en que “o goberno vendeu o proxecto da piscina como acabado e o que queda patente con este modificado é que non é así”.
O alcalde da vila pechou as intervencións aludindo a que “Bueu terá a mellor piscina do Morrazo, a pesar do PP, ao igual que todos os avances dos últimos dez anos”. A proposta do modificado aprobouse cos votos a favor do BNG e ACB e en contra do PP e PSOE.
O outro asunto, a reclamación da contratista por importe de 27.254,58 €, aprobouse cos votos a favor de BNG, ACB e PSOE e en contra do PP. Esta solicitude de indemnización por parte da adxudicataria parte do verán pasado, cando se produciu a xubilación do ata daquela arquitecto municipal e director de obra, coa conseguinte paralización da execución da piscina durante tres meses, o que causou unha serie de prexuízos económicos á empresa.
Aprobación inicial orzamentos 2020
O último dos asuntos deste pleno longo foi a aprobación inicial dos orzamentos xerais do ano 2020, que contou cos votos a favor do BNG e ACB, e en contra do PSOE e PP. Tanto en gastos coma en ingresos, o orzamento municipal ascende a 6.275.000 €. No capítulo de ingresos, os impostos directos supoñen 2.387.500 €; os impostos indirectos, 125.000 €; as taxas e outros ingresos, 572.600 €; as transferencias correntes, 3.160.930 €; os ingresos patrimoniais, 24.970 €; e os activos financeiros, 4.000 €; mentres que na parte de gastos, os diversos capítulos son os seguintes: a gastos de persoal destínanse 3.147.605 €; a gastos en bens correntes e servizos, 2.166.645 €; a gastos financeiros, 5.750 €; a transferencias correntes, 779.000 €; a investimentos reais, 106.500 €; a activos financeiros, 5.000 €; e a pasivos financeiros, 64.500 €.
Julio Villanueva, vicealcalde e concelleiro de facenda, explicou que “son uns orzamentos técnicos e non puidemos traelos a pleno antes pola situación da Covid-19”. O edil fixo fincapé en que se incrementaron as partidas para as subvencións a entidades culturais e deportivas, e que estivo moi condicionado polo Servizo de Axuda no Fogar, que proximamente se licitará.
A voceira do PP, Elena Estévez, bota en falta que non apareza reflectida no orzamento unha serie de partidas que teñan que ver coa situación extraordinaria que estamos a vivir pola alerta sanitaria; mentres que o voceiro socialista, José Vilas, aludiu a que “non se dá cabida á participación da oposición máis ca nunha comisión informativa”.
O pleno completo pode verse na canle de Youtube do Concello de Bueu: https://www.youtube.com/watch?v=zoM5YViy9YY