O Concello de Bueu celebrou o Día da Galiza Mártir coa entrega dos Premios Johán Carballeira
- Marcos Abalde e Nieves Neira, galardoados nas categorías de poesía e xornalismo respectivamente, recibiron unha réplica de Johán Carballeira elaborada pola artista Paula Pereira
- A música reivindicativa do cantautor guardés Tino Baz puxo o broche de ouro a este acto que tivo que trasladarse ao Centro Social do Mar por mor do mal tempo
O Concello de Bueu organizou este luns, 17 de agosto, o acto de entrega dos Premios Johán Carballeira no Centro Social do Mar, coa presenza de Marcos Abalde, gañador na categoría de poesía por Alcatrán, e Nieves Neira, galardoada en xornalismo coa reportaxe titulada “A fotógrafa revelada”, que recibiron de mans do alcalde unha placa de cerámica coa imaxe de Johán Carballeira, deseñada pola artista Paula Pereira, máis coñecida como Cavalinho do demo.
Xosé Leal, concelleiro de cultura, foi o encargado de guiar este acto no que se reivindicaron a memoria das persoas represariadas no Día da Galiza Mártir, e a lingua galega. Estas ideas tamén as salientou ao comezo do acto Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira, quen fixo fincapé na “necesidade que temos de que as administracións aposten por iniciativas que normalicen a lingua galega en todos os ámbitos”.
Pola súa banda, a xornalista luguesa Nieves Neira fixo unha intervención moi emotiva na que contou a xénese da reportaxe sobre Maruja Roca, unha das pioneiras da fotografía galega agochada ata hai pouco, amais de ser a tía avoa da premiada. Neira reivindicou a necesidade de recuperar as voces de tantas mulleres silenciadas, e mostrou o agradecemento a toda a familia que non deixaron morrer o legado de Maruja Roca. E nunha clara alusión á situación do xornalismo, Neira afirmou que “esta reportaxe foi creada nas horas gañadas ao tempo dunha profesión cada vez máis precarizada”.
Marcos Abalde, que mereceu o premio polo poemario Alcatrán, destacou no seu discurso a importancia do Día da Galiza Mártir, porque “esta é unha data máis importante do que poidamos imaxinar, sobre todo nun tempo no que se nos quere privar dos nosos mortos”. Unhas verbas moi reivindicativas, que se ensamblan co poemario no que dignifica o rural e as persoas que o habitan, e que verá a luz proximamente na editorial Xerais.
Félix Juncal, alcalde da vila, puxo en valor o compromiso da institución local con este premio que naceu hai máis de vinte anos. “Síntome orgulloso por compartir tantos anos de traballo e obxectivos”, afirmou.
O cantautor guardés Tino Baz puxo o broche final con cancións baseadas en poemas de Rosalía de Castro coas que, segundo apuntou na actuación, “preténdese dar outra imaxe da nosa poeta, afastada dese carácter de chorona ao que moitos a condenaron”.
Convocatoria do premio
Por outra banda, o Concello de Bueu vén de convocar os Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo, cuxo prazo de presentación de traballos estará aberto ata o 31 de xaneiro de 2021, e que contarán cunha dotación económica de 1500 € para ambas categorías amais da publicación no caso do de poesía, tal e como vén sendo habitual, por parte da Editorial Xerais. As persoas que desexen participar poderán facelo a través de dúas formas: mediante o envío do traballo en papel ou en formato dixital, tal e como se establece nas bases publicadas na páxina web do Concello de Bueu.
Estes premios naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira. O certame celebra este ano a vixésimo cuarta edición na categoría de poesía e a décimo oitava na de xornalismo.