O Concello de Bueu celebrou este mércores o Desfile do Enterriño da Sardiña
O Concello de Bueu organizou este mércores pola tarde o desfile infantil do Enterriño da Sardiña, no que participaron nove grupos, entre asociacións de nais e pais da vila e diversos colectivos: Anpa A Pedra, Anpa Alborada do Virxe Milagrosa, Anpa Torre Cela, Anpa Cabo Udra de Beluso, Anpa Pichirilo da Galiña Azul, Escola Infantil Tranvía, Illa do Santo, Pandy Panda e 1,2,3 Bueu.
O desfile arrancou dende a Praza Massó ás cinco da tarde, e percorreu as rúas Montero Ríos, Francisco Escáneo, Pazos Fontenla e Eduardo Vincenti con remate na mesma praza, na que tivo lugar a tradicional queima da sardiña. Ademais, os edís do goberno local Silvia Carballo e Ricardo Verde encargáronse de entregar uns diplomas conmemorativos aos e ás participantes. Durante o acto, Silvia Carballo destacou a edición multitudinaria deste ano e agradeceu a todos os grupos a súa implicación para manter viva “a ilusión dos máis pequenos e pequenas”.
O seguinte desfile será o domingo, 1 de marzo, no que están chamados a participar dezanove grupos nas diversas categorías que honrarán ao Paxaro de Mal Agoiro.