Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu celebrará a XXI Festa do Polbo na segunda quincena de agosto e fai un chamamento á cidadanía da vila

  • Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, mantivo este luns unha primeira reunión con algúns representantes hostaleiros
  • Os locais hostaleiros que queiran participar no evento poderán inscribirse antes do 15 de maio de forma presencial no Concello ou enviando un correo a concello@concellodebueu.gal

O Concello de Bueu recuperará este ano a XXI Festa do Polbo, un evento que se tivo que suspender nas dúas últimas edicións debido á pandemia e que volverá celebrarse os días 13, 14 e 15 de agosto. Así se acordou na reunión celebrada este luns na que estiveron presentes Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e diversos hostaleiros e hostaleiras da vila.

Logo desta primeira xuntanza, o Concello de Bueu fai un chamamento aos locais de hostalaría para que, no caso de ter interese en participar na festa, se inscriban antes do 15 de maio de forma presencial no 2º andar da Casa Consistorial ou enviando un correo a concello@concellodebueu.gal. A partir desa data, dende a concellaría de promoción económica e turismo, traballarase na organización deste evento que pon en valor o Polbo das Rías, e que contará coas habituais especialidades gastronómicas e con actividades culturais e de promoción deste cefalópodo.

A festa do polbo naceu coma un proxecto para pór en valor o Polbo das Rías, e por iso cada ano se ofrece unha programación ampla e variada na que as persoas asistentes poden degustar unha gran variedade de especialidades elaboradas con este cefalópodo, como empanadas de trigo e millo, pizzas, croquetas, fabas con polbo, polbo á feira, ou polbo en caldeirada, entre outras moitas.

Cunha vintena de anos de historia, a día de hoxe é un dos eventos máis exitosos da tempada estival no municipio bueués.