O Concello de Bueu celebra o Día da Educación con visitas aos centros educativos
- Xosé Leal, concelleiro de cultura, anunciou que o Concello se adherirá á convocatoria de “Cidades Amigas da Infancia” de UNICEF
- Os colexios e institutos da vila teñen en marcha un monte de iniciativas medioambientais e educativas
Con motivo do Día Internacional da Educación, o concelleiro de cultura e educación, Xosé Leal, e a edil de normalización lingüística e turismo, Silvia Carballo, visitaron este venres algúns dos centros educativos da vila para coñecer de primeira man as iniciativas nas que están traballando estes durante o presente curso escolar.
No CEIP Montemogos de Beluso contan con varios proxectos relacionados co coidado do medio ambiente e o clima: recollida de tapóns, reciclaxe e sostibilidade. De feito, esta mañá contactaron por conferencia cunha persoa integrante do buque oceanográfico na Antártida.
No CEIP Torre de Cela, a directora explica que teñen en marcha diversas accións relacionadas co desenvolvemento sostible, como o proxecto ‘Voz Natura’, a limpeza dos areais, a recollida de pilas, a campaña de redución de plásticos nos recreos, a compostaxe e unha horta escolar. Con motivo do Día da Paz van apadriñar animais que teñen os seus ecosistemas en perigo por mor dos plásticos, no marco dunha campaña de WWF. Así mesmo, o profesorado propón prácticas da vida cotiá nas clases, moi en relación coas TICS, e os patios inclusivos.
No CEIP A Pedra están adheridos ao programa de ‘Residuos Cero’, e traballan coa reciclaxe e a compostaxe. Segundo avanza a directora, o centro poñerá en marcha pronto unha radio escolar. No CPR Virxe Milagrosa tamén contan con accións que camiñan cara aos residuos cero, e co proxecto ‘Ecoheroes’.
Pola súa banda, o IES Illa de Ons tamén recibiu a visita do alcalde e dos edís de cultura e normalización lingüística para presentar as actividades organizadas no marco de ‘21 días co galego’, unha iniciativa da Xunta de Galicia coordinada por Pilar Ponte e na que participan moitos centros educativos do país co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega.
O concelleiro de educación lembrou tamén ao IES Johán Carballeira, que este curso traballa na III Feira da Ciencia e da Literatura, un proxecto transversal que une as dúas disciplinas e que celebrará o seu día grande o 9 de maio na Praza Massó.
Tras esta xornada, Leal destacou “a labor e a capacidade dos e das docentes ante ataques que están sufrindo por parte de certos sectores políticos a través do pin parental”. Segundo o edil, “os centros educativos deben continuar sendo espazos nos que se respecte, ante todo, a diversidade afectivo – sexual”.
Convocatoria Cidades Amigas da Infancia
Desde o goberno local bueués informouse ás directivas dos centros educativos que se está traballando para concorrer á convocatoria de “Cidades Amigas da Infancia” que promove Unicef. Este recoñecemento supón poñer en valor o compromiso dos gobernos locais coa promoción, protección e realización dos dereitos da infancia.
Así, para a elaboración da memoria de cara a esta convocatoria, o concelleiro de educación avanza que “recolleremos as experiencias dos últimos anos nas que o alumnado dos centros educativos da vila participou activamente no Concello e propor actividades futuras”. Refírese o edil ás diferentes ocasións nas que se recibiu na Casa Consistorial aos rapaces e rapazas que presentaron propostas de actuación en diversos asuntos. Delas destaca o pleno escolar da igualdade, que se celebrou o ano pasado e no que os pequenos e pequenas propuxeron unha chea de suxestións en materia de igualdade, amais de debater co alcalde e coa concelleira de igualdade.