O Concello de Bueu celebra este domingo un novo mercado ecolóxico e artesanal
- A carpa de As Lagoas estará aberta dende as 11 ás 20 horas cunha vintena de postos
- Haberá actividades para todas as idades, como un obradoiro de elaboración de faroliños con materiais de refugallo, unha charla sobre Agaca ou a actuación musical de Sr. Nisson
O Concello de Bueu celebra este domingo, 17 de novembro, unha nova edición do Mercado Ecolóxico e Artesanal, que terá lugar na carpa dos Xardíns de Urbano Lugrís – As Lagoas e no que se poderán mercar durante toda a xornada produtos ecolóxicos, gastronómicos e artesanais, ademais de gozar de actividades diversas.
O mercado constará dunha vintena de postos nos que estarán representados sectores de alimentación, artesanía, comercio xusto, saúde e benestar, queixos, meles, viños, pan, embutido ou horta, entre os que a cidadanía poderá mercar en horario ininterrompido de 11 a 20 horas. Ademais, e como vén sendo habitual, ao longo de toda a xornada están previstas varias actividades a través das que ofrecer tamén alternativas para pasar o día en familia. Así, ás 12 horas, Higinio Mougan Bouzón, director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), impartirá unha charla na que explicará en que consiste a asociación e os servizos que ofrecen. Ás 13 horas, o grupo Sr. Nisson amenizará o mercado coa súa música de versións de rock e pop. Ademais, tamén se anima ás persoas que o desexen a que poidan quedar na carpa a comer xa que haberá opcións gastronómicas.
Pola tarde, os pequenos e pequenas de 4 a 10 anos terán a oportunidade de participar no obradoiro infantil para a elaboración de Faroliños con material natural e de refugallo, da man de Alados.
Este mercado xa conta con máis de dez anos de historia, e foi posto en marcha con diversos obxectivos, entre eles, diversificar e consolidar a economía local partindo do consumo responsable e a produción sustentable, aproveitando os recursos endóxenos con criterios de responsabilidade social, económica e ecolóxica; contribuír á conservación e recuperación da cultura rural e tradicional, con especial relevancia dos oficios tradicionais, a sabedoría popular e campesiña, e as formas de uso e xestión sustentable dos recursos naturais; e conservar a biodiversidade biolóxica e os agrosistemas asociados ás actividades produtivas de carácter local, ecolóxico e artesanal.
O proxecto demostra o compromiso do goberno bueués polos produtos locais e a concienciación medioambiental na sociedade, de aí que, ademais da venda de produtos locais, de quilómetro cero, e de tempada, se sume unha ampla e variada programación con actividades paralelas que permitirán aprender e gozar dun día en familia.