Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu celebra as Festas do Carme do 10 ao 17 de xullo

  • Carmen García, concelleira de cultura, salienta que “é moi importante seguir mantendo a nosa historia mariñeira, e por iso agradecemos a todas as persoas e colectivos colaboradores”
  • O programa incluirá música, obradoiros, actos relixiosos, procesións, alfombras florais

O Concello de Bueu organiza do 10 ao 17 de xullo as Festas do Carme, que incluirán unha extensa e variada programación na que se poñerá en valor a historia e a cultura mariñeira da vila para todos os públicos. Carmen García, concelleira de cultura, salientou na rolda de prensa celebrada hoxe que “é moi importante seguir mantendo a nosa historia mariñeira, e por iso agradecemos a todas as persoas e colectivos colaboradores”. No acto tamén estiveron presentes Isabel Quintás, tenente de alcalde, José Manuel Rosas, patrón maior da Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, Darío Campos, da Asociación Bueu en Festas e outras persoas integrantes dos colectivos.

Como antesala das festas, o 10, 11 e 12 de xullo desenvolveranse no Estaleiro de Purro entre as 11 e as 13 horas uns obradoiros artísticos mariñeiros a cargo de Tino Resille, e nos que a cativada coñecerá a arte do mar.

O 13 de xullo será a XIII Travesía a Nado pola rexeneración da praia de Pescadoira, organizada polo Club de Atletismo Corredoiras e o Concello de Bueu, unha proba deportiva que pretende poñer o foco na reivindicación pola recuperación deste areal urbano. Como xa é habitual, haberá tres saídas con diversas distancias: unha dende Ancoradouro con 7500 metros, outra dende Mourisca con 4000 metros, e a última dende Beluso con 1500.

Ese día, ás 20.30 horas será a inauguración da exposición “Orgullosos do noso” do fotógrafo bueués Salvador Santos ‘Charri’. Esta mostra, que se poderá ver na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa, recolle unha panorámica dos e das deportistas de Bueu que colleitaron éxitos e premios nas diversas disciplinas, como fútbol, taekwondo, natación, fútbol sala, hípica, tiro con arco, loita, remo etc.

Ás 22 horas, e como vén sendo habitual, a Coral Polifónica de Bueu organiza o XV Concerto “O Son do Mar” que se celebrará no Centro Social do Mar e no que participarán a Coral San Mauro de Barbadás, a Coral Bella Helenes de Pontevedra e a anfitrioa.

Pola noite, no exterior do Centro Social do Mar, a partir das 22.30 horas actuarán The Skarnivals no que será o derradeiro concerto da banda, e o remate da festa será con Yaya DJ.

O 14 de xullo, tamén no mesmo espazo, a verbena estará amenizada coa orquesta Furia Joven.

O 15 de xullo, o Estaleiro de Purro acollerá ás 12 horas a presentación do recente número da revista mariñeira Nova Ardentía, na que atopamos temas relacionados con Bueu, coma unha extensa reportaxe – entrevista “Mörling a través dos ollos de Chefa: un recoñecemento necesario”, que asina o investigador bueués José Manuel Dopazo Entenza, ou a de Arturo Sánchez Cidrás titulada “Náufrago: Manuel García Pereira, ‘Bobby’ para os amigos”. Precisamente, no acto participarán os dous autores, ademais de Emilio Xosé Ínsua, coordinador da revista, e Lidia Nieves Domínguez, presidenta da Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos.

Xa pola noite, a verbena será coa orquesta Fuego no exterior do Centro Social do Mar.

O día grande será o 16 de xullo, festividade do Carme,  e no que se celebrará a tradicional procesión marítima e o espectáculo de pirotecnia. Os actos arrancarán xa a primeira hora da mañá, co pasarrúas ás 10.30 horas a cargo da Banda de Música Cultural de Barro. Ás 12 horas será a misa na honra da Virxe do Carme co Coro de Cela-Lestonnac na Igrexa Parroquial de San Martiño, onde haberá alfombras florais realizadas polo Colectivo Independentes xunto coa Asociación O Pampillo de Castropol, seguida de procesión ata a lonxa. Xa pola tarde, os oficios relixiosos serán na Lonxa coa música da Coral Polifónica de Bueu e un baile á Virxe coa agrupación Peis d’hos. Xa despois arrancará a procesión marítima coa Banda de Música de Bueu. No espazo da contorna da Lonxa tamén lucirán tapices florais elaborador por Cunchas e Flores con alfombristas de Rianxo, Ames, A Estrada e Ponteareas.

Pola noite, a partir das 22 horas, haberá festa coa orquesta Platinum e a media noite, gran espectáculo pirotécnico que se lanzará por primeira vez dende o mar e que se poderá ver dende a praia da Banda do Río.

O 17 de xullo, coincidindo coa festividade das Dores, está programado un pasarrúas coa charanga Fanfarria Furruxa. Ás 12 horas, a Libraría Abrente organiza a actividade “Universo de contos: mar” na zona da Banda do Río. Á mesma hora, na Igrexa Parroquial de San Martiño celebrarase a misa solemne na honra da Virxe das Dores cantada pola Coral Marusía. E a xornada culminará ás 21 horas cunha verbena co Grupo Galia.

Ademais, do 12 ao 17 de xullo a zona das Lagoas acollerá atraccións para os máis pequenos e pequenas.