O Concello de Bueu celebra esta fin de semana un Mercado de Nadal
- A carpa de As Lagoas estará aberta o sábado e o domingo dende as 11 ás 22 horas
- Ademais de postos de venda, tamén se poderá gozar de xornadas gastronómicas, concertos musicais, contacontos ou obradoiros
O Concello de Bueu organiza esta fin de semana, 23 e 24 de novembro, un Mercado de Nadal na carpa de As Lagoas con preto dunha vintena de establecementos de comercio, produción local, artesanía e no que tamén haberá opcións gastronómicas diversas. A proposta naceu dende a concellaría de promoción económica e turismo co obxectivo de “converter As Lagoas nun centro comercial e que a cidadanía tome conciencia do tecido local e da súa importancia”, en palabras de Silvia Carballo, edil da área. Dende o consistorio elixiuse a fin de semana anterior ao coñecido como Black Friday (venres negro), e será un mercado aberto a variados sectores e servizos, e con propostas de plans en familia, como concertos, obradoiros, contacontos ou xornadas gastronómicas.
O mercado estará aberto tanto o sábado coma o domingo das 11 ás 22 horas, e nel participarán varios comercios locais de roupa, e haberá outros de alimentación como de queixos e conservas, así como artesanía ou adornos de Nadal. Así, estarán Multiópticas, Belavista, Mónica Otero, Pepeluchos, Rincón de Aria, Paladar Queso, Taller de More, Xoiería Estévez, Melena de León, OSBS Clothing, Tino Resille, Nene’s, La Capellana, Divinas, Muy Mía e Conservas Alonso.
Dende o consistorio anímase á cidadanía a visitar o mercado dende o sábado ás 11 horas. Ese día, ás 13 horas organizarase unha sesión vermú co grupo Covers Lovers e unhas xornadas gastronómicas. Xa ás 17 horas, Polo Correo do Vento ofrecerá un contacontos para público familiar, e ás 20 horas, Os Saljariteiros amenizarán de novo as xornadas gastronómicas.
Ao día seguinte, a sesión vermú e as xornadas gastronómicas das 13 horas contarán co acompañamento da música de Four Passanger. E ás 17 horas haberá un obradoiro infantil de elaboración de manualidades relacionadas co Nadal, no que haberá dous grupos para nenos e nenas de 3 a 6 anos, e para os de 6 a 12.
Este mercado pretende ser unha posta en valor do comercio e da produción local, e de aí que tamén se conte con varios postos de hostalaría da vila, caso de Kapa, Volver e O Ratiño Pequeno, que ofrecerán diversas opcións gastronómicas e culinarias.
Programa Mercado de Nadal Bueu.pdf