O Concello de Bueu celebra a próxima fin de semana o Día da Terra
- Convocouse un concurso de carteis para os centros de educación secundaria da vila, dotado cun premio de 100 €
- A rapazada será a protagonista a través das charlas e obradoiros organizados con motivo desta efeméride
O concelleiro de medio ambiente de Bueu, Adrián Ferrer, está organizando diversas actividades para conmemorar o Día da Terra, que se celebrou o pasado 22 de abril. Así, a actividade central desta efeméride será a convocatoria dun concurso de carteis dirixido aos centros educativos de secundaria da vila, e cuxo gañador/a se fará cun premio de 100 €. O prazo de presentación está aberto ata o 14 de maio.
Os actos centrais terán lugar a vindeira fin de semana, cando está programada a realización dunha alfombra a cargo da Asociación de Alfombras de Bueu con temática ambiental e baixo un deseño do artista bueués Marc Taeger, que se poderá ver o 27 e 28 de abril na Sala Domínguez Búa. Os rapaces e rapazas serán protagonistas dos obradoiros ambientais que se celebrarán no 2º andar do Centro Social do Mar o sábado 28, e que tratarán sobre pintura decorativa en follas de árbores (de 18.00 a 19.00 horas) e tamén de arte e reciclaxe na natureza (de 19.00 a 20.00 horas). Ese mesmo día, a Praza Massó acolle ás 11 da mañá unha gincana deportiva.
Por último, e co obxectivo de sensibilizar ao alumnado de primaria dos centros educativos, un axente de conservación da natureza está levando a cabo diversas charlas para informar do traballo diario, dos incendios e da recuperación de flores silvestres.