O Concello de Bueu buscará a construción dun paseo entre as praias da Banda do Río e Beluso
-
O alcalde da vila mantivo esta mañá unha reunión no Servizo de Costas en Pontevedra para abordar esta actuación
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, mantivo na mañá deste mércores unha reunión no Servizo de Costas de Pontevedra, na que abordou diversas cuestións de interese para o municipio, sendo a máis destacable a da senda peonil / paseo marítimo entre a praia da Banda do Río e a de Beluso, unha iniciativa moi importante xa que resolvería un problema moi importante de mobilidade e permitiría á cidadanía transitar de forma segura por este espazo.
Juncal mostrou a “prioridade do goberno” para conseguir acometer esta actuación para a que xa se conta cun proxecto do ano 2009 que agora será revisado para adaptalo ás necesidades do momento. Por iso, o Concello porá en marcha de xeito inmediato esta iniciativa, remitindo unha solicitude formal e por escrito, xunto co proxecto técnico, para acadar a autorización do Ministerio de Fomento e con iso xestionar as vías de financiamento para a actuación, que ademais dunha pasarela se completaría con mobiliario urbano.
Tras o encontro, o alcalde manifestou a necesidade de que “todas as administracións vaiamos resolvendo estas necesidades cada vez máis demandadas pola sociedade”, que non só camiñen na consecución duns espazos de tránsito seguros senón tamén que fomenten o coñecemento sobre o medio ambiente e a propia contorna.
Con esta idea foi construída a pasarela de madeira da praia de Beluso, unha obra levada a cabo por Portos de Galicia, e que agora o Concello busca continuar cunha actuación máis ambiciosa que vincularía dous espazos moi transitados como son a praia de Beluso e a da Banda do Río.