Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu asina o convenio con Fecimo para a posta en marcha da campaña de bonos ‘Bueu Consume Local’

  • A campaña estará en vigor do 3 ao 30 de decembro e todas as persoas que merquen no comercio local terán un 30% de desconto nas compras
  • O consistorio bueués achega 50.000 euros para esta campaña que pretende reactivar o sector comercial e paliar os efectos negativos derivados da pandemia

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Ana Ave, presidenta da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO), asinaron este mércores o convenio de colaboración para a a posta en marcha da campaña “Bueu Consume Local”, unha iniciativa que se habilitará entre o 3 e o 30 de decembro e coa que se pretende fomentar o consumo no comercio local entre a cidadanía.

No acto de sinatura desta mañá tamén estivo presente Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, quen salientou que “o Concello achegará 50.000 euros cos que se cubrirá o 30% das bonificacións dos importes das compras realizadas nos comercios adheridos”. Pola súa banda, Fecimo será a encargada de organizar e xestionar toda a campaña, tanto para os locais socios como para os non socios.

As persoas interesadas en participar deberán entrar na web https://bueuconsumelocal.gal/ e rexistrarse, un proceso despois do cal recibirán as claves de acceso para obter unha tarxeta dixital ligada ao seu DNI. Segundo se establece nas bases da campaña, cada cliente poderá acudir ao establecemento comercial adherido para realizar as súas compras, podendo descontar, do importe da compra, o 30% do importe da compra correspondente ata o límite de 75 euros.

Esta campaña forma parte das accións implementadas pola concellaría de promoción económica para axudar aos comercios da vila, que constitúen a base fundamental sobre a que se sustenta a economía local.