O Concello de Bueu asegura provisionalmente o paseo de Agrelo ante ‘a apatía e a desidia de Costas’
- Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou esta mañá as obras que consisten na distribución da área, na retirada de dúas árbores e no traslado de perpiaños para conter o derrubamento
Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou este luns a praia de Agrelo para comprobar os traballos que se están levando a cabo dende a semana pasada e que foron contratados polo Concello. Tal e como explica o rexedor “ante a desidia e a apatía de Costas do Estado por levar a cabo esta actuación, dende a alcaldía decidiuse acometer estes traballos para recuperar o areal nesta tempada estival”.
En febreiro deste ano, e debido ás fortes chuvias e mal tempo, un tramo deste paseo derrubouse. Dende o primeiro momento, o alcalde púxose en contacto co Xefe do Servizo Provincial de Costas, e incluso mantivo diversas reunións nas que insistiu en que era urxente o arranxo deste paseo, dado que é moi utilizado pola veciñanza ao longo do ano, cun incremento moi notable no verán. Pasados varios meses sen que Costas asumise as súas obrigas, o Concello comezou a pasada semana uns traballos de movemento de area para tapar a canle fluvial que atravesa a praia e poder facer unha distribución da area para que estea nunhas condicións adecuadas para o seu uso na época estival, actuación que conta coa autorización de Costas. Estes traballos, que xa se levaban a cabo en menor magnitude ata hai dous anos, incluíron 10.000 metros de area movida, retirada de dúas árbores (unha xa caída e outra en perigo), e traslado dalgúns perpiaños para asegurar provisionalmente esa parte do paseo derrubada.
O alcalde, que estivo acompañado na visita polo arquitecto técnico municipal e polo encargado da empresa que realizou os traballos, declarou que “o Concello actuou con responsabilidade, aínda que seguimos demandando a Costas que asuma as súas competencias en canto á mellora integral deste paseo que une as dúas praias e que supón un quilómetro de distancia”, e de feito o rexedor solicitou a pasada semana unha reunión telemática coa Directora Xeral de Costas e do Mar do Ministerio para “cumprir unha demanda histórica que levamos dende este goberno”.
Estas obras forman parte do plan de acondicionamento do conxunto das praias, no que o Concello leva máis de 10 días traballando de forma intensiva, e que inclúe a dotación do socorrismo (que comezará a funcionar nos próximos días), a instalación de baños, a roza dos accesos e dos areais, o arranxo das pasarelas e casetas…