O Concello de Bueu arranxa o camiño e a área de caravanas de Achadiza, pendente dunha actuación completa en setembro
O Concello de Bueu levou a cabo estes días a limpeza e a roza do camiño da área de caravanas de Achadiza, uns traballos que incluíron tamén a nivelación do terreo, e que permitirán que o acceso se atope nunha óptimas condicións para as persoas que queiran facer uso del. Félix Juncal, alcalde de Bueu, explicou que “en setembro levaremos a cabo unha actuación completa por parte da empresa contratista, pero queriamos ter para o verán o espazo nunhas condicións óptimas dada a alta demanda”.
Así, este lugar atópase accesible aínda que de momento nun camiño en terra, e será en setembro cando está programada a ampliación de servizos na parte inferior e ata o estacionamento, ampliando os puntos de conexión (evacuación de augas grises e negras), e a toma de abastecemento. A maiores tamén se están deseñando os paneis informativos coas lendas correspondentes aos diversos servizos do espazo.
Esta área de caravanas convértese nun recurso máis dos que dispón o Concello para as persoas visitantes e xa é un proxecto no que se vén traballando dende hai anos.