O Concello de Bueu anuncia as persoas gañadoras do sorteo da VII Ruta das Tapas Cinco Estrelas
- Os premios consisten en tres vales de 50 € cada un para consumir nos locais participantes nesta ruta organizada polo Concello de Bueu, o FICBUEU e a Asociación de Hostalaría da vila
- A iniciativa naceu hai anos co obxectivo de unir o cinema coa gastronomía durante a semana do festival
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu esta semana o sorteo público de tres vales de 50 € para consumir na hostalaría local e que gañaron Rosa Piñeiro Fraga, Andrea Sampedro Pereira e Pedro Torres Lemos, participantes na VII Ruta das Tapas Cinco Estrelas, organizada entre o 9 e 18 de setembro coincidindo co Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU). No acto participaron Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e María Ruiz, co directora do festival, quen foron as encargadas de anunciar as persoas gañadoras ás que nos próximos días se lles entregarán os vales que poderán gastar en calquera dos trece locais hostaleiros participantes.
A VII Ruta das Tapas, que busca unir o cinema coa gastronomía a través de petiscos de película, decorreu este ano con moito éxito e permitiu á cidadanía coñecer a diversidade da hostalaría “que conta con moita calidade e é unha das mellores”, apuntou Carballo. Os locais participantes foron A Cepa, Buena Vibra, Casa Quintela, Casa Videira, Esmorga, Morriña, Noite Tapas, O Farol, O Ratiño Pequeno, Pyramis, Secretos del Mar, Volver e Casa Benito. A través do consumo neses establecementos, as persoas tiñan que selar cinco estrelas do cupón para poder participar no sorteo, que este ano contou con moi boa acollida.
Esta iniciativa está promovida polo Concello de Bueu, o FICBUEU e a Asociación de Hostalaría de Bueu, e busca dinamizar o sector da hostalaría coincidindo cun gran evento ao que acoden tanto veciños e veciñas como visitantes.