O Concello de Bueu adhírese ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía
- Tamén foi aprobada unha moción de apoio ás pensións e ao rexeitamento do proxecto da mina de Touro – O Pino
- A corporación acordou a creación da mesa de contratación do pleno, que se adapta á nova Lei de Contratos do Sector Público
A corporación municipal de Bueu aprobou na sesión plenaria deste luns a adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, que inclúe o compromiso municipal de reducir a emisión de CO2, así como a realización de accións encamiñadas á mellora do medio ambiente. Por iso, a proposta conxunta dos catro grupos municipais, acordou, entre outros puntos, solicitar a adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, cuxo obxectivo primeiro é “reducir as emisións de CO2 (e, posiblemente, outras emisións de gases de efecto invernadoiro) no territorio do noso municipio en polo menos un 40 % de aquí a 2030, en particular a través da mellora da eficiencia enerxética e un maior uso de fontes de enerxía renovables”.
Aínda que fóra da orde do día da sesión, os catro grupos tamén estiveron de acordo en apoiar a moción relativa ás pensións presentada polo Movemento pola Defensa das Pensións (MODEPEN), e que basicamente rexeita o produto paneuropeo de pensións individuais (PEPP), por “non ser un instrumento de protección social, senón un mecanismo de acumulación de capitais”. Precisamente, o voceiro deste movemento, José Sáinz, agradeceu ao remate da sesión o apoio da corporación xa que “vós sodes a garantía dos nosos dereitos”.
O pleno tamén acordou, cos votos a favor do grupo de goberno do BNG, a aprobación de acordos de non dispoñibilidade de 41.000 € no orzamento prorrogado ao 2018, unha esixencia da Consellería de Facenda debido ao incumprimento da regra de gasto. Así mesmo, e segundo aclarou o edil de facenda, José I. García Cuervo, tamén se está elaborando un Plan Económico Financeiro.
A creación dunha mesa de contratación do pleno foi outro dos temas que se tratou na sesión. Este órgano de contratación serve para dar cumprimento ao cambio de lexislación que se dá coa entrada en vigor da Lei de Contratos do Sector Público. Segundo isto, hai tres órganos para a contratación de obras e proxectos: a alcaldía, a Xunta de Goberno e o pleno.
Máis polémicas foron as mocións presentadas polo grupo municipal do PP. A primeira era relativa a destinar a partida dos grupos municipais ao tecido asociativo da vila que non se poida beneficiar doutras convocatorias. O voceiro do PP, Santos Pires, fundamentou a proposta en que ningún grupo estaba cobrando a asignación prevista, polo que esas cantidades se poderían destinar a colectivos. No entanto, o goberno municipal defendeu que “non se lle pode obrigar a ningún grupo a que renuncie aos seus dereitos adquiridos en pleno”. Finalmente, esta moción foi rexeitada, ao igual que a relativa ao apoio e defensa da prisión permanente revisable, presentada polo mesmo grupo.
Ao remate da sesión, e antes da quenda de rogos e preguntas, o edil de ACB-SON, Julio Villanueva, presentou unha proposta de rexeitamento ao gran proxecto mineiro de Touro- O Pino, que traerá moitos problemas á cidadanía da contorna de Arousa e Santiago. A proposta foi apoiada polos grupos ACB-SON, BNG e PSOE e a abstención do PP.