O Concello de Bueu activa o plan especial de verán para a Banda do Río
- O alcalde e o vicealcalde mantiveron este venres unha reunión con representantes da asociación e plataforma veciñal e do sector hostaleiro para anunciarlle as medidas de cara á tempada estival
- De luns a venres, prohibirase o tráfico rodado na rúa Montero Ríos a partir das 20.30 h, e as fins de semana e festivos dende as 14.30 h
- As persoas residentes e os servizos terán o acceso garantido ao barrio pola rúa Alexandre Bóveda
O goberno local do Concello de Bueu implementará dende este venres, 4 de xuño, unha serie de medidas de ordenación da mobilidade no barrio da Banda do Río, que estarán en vigor durante a tempada estival e nas que se terán en conta todas as sensibilidades e usos. Precisamente, Félix Juncal, alcalde da vila, mantivo esta mañá unha reunión cos representantes da hostalaría, amais da asociación e da plataforma veciñais, para comunicar as principais medidas. De luns a venres pecharase a rúa Montero Ríos, concretamente entre Rosalía de Castro e Alexandre Bóveda, e entre o canellón da Bicha e Francisco Escáneo, a partir das 20.30 h, e as fins de semana e festivos, dende as 14.30 h, horarios nos que non se poderá acceder con vehículos agás as persoas residentes ou as que se dirixan ao barrio para determinados servizos, como compras ou recollida de comida (para o que se deberá contar co debido recibo ou factura). Este cambio, que estará en vigor dende este venres, permitirá que as persoas residentes do barrio ou os servizos poidan acceder durante todo o día, pois “o que pretendemos é conciliar todos os usos e dereitos”, salientou o alcalde durante a xuntanza. Cando se peche a rúa ao tráfico, os locais de hostalaría poderán colocar as terrazas ao longo da calzada, deixando o paseo e a beirarrúa libres para que a cidadanía poida pasear con plenas garantías. Ademais, entre a rúa Alexandre Bóveda e o canellón de A Bicha reservarase o estacionamento para residentes, agás en horario comercial que se destinará tamén para servizos.
Tras o proceso de diálogo levado a cabo nesta semana con todas as partes implicadas, Félix Juncal apuntou que “adoptamos unha decisión que garante os dereitos do conxunto das persoas usuarias e implicadas do barrio, pois é importante que esteamos nun espazo de convivencia e que cumpramos estritamente coas medidas que poñeremos en marcha”. O alcalde solicitou a colaboración de todas e todos para que “construamos un espazo vivible e amable, no que se limite o acceso de vehículos innecesarios e se priorice as persoas”.
O Concello velará polo cumprimento estrito destas medidas, e por iso se poñerá en marcha un control dos botellóns por parte da Policía Local e tamén se establecerá un dispositivo de limpeza especial nas mañás das fins de semana, que incluirá baldeos con maquinaria e manuais.