O Concello de Bueu acondicionará a zona de Cabo Udra con cargo a dúas subvencións
- As axudas son da Deputación Provincial de Pontevedra e da Rede Natura, e entre as actuacións contempladas nas mesmas están a mellora dos montes, a adecuación dos camiños ou a creación dun observatorio de aves
O Concello de Bueu leva uns meses traballando na tramitación de dúas subvencións para a mellora da contorna da área de Cabo Udra, concretamente con cargo á Deputación Provincial de Pontevedra e á Rede Natura 2000, e que fará posibles diversas actuacións tanto de mantemento e acondicionamento deste espazo como de mellora da sinalización de camiños e mesmo a creación dun observatorio de aves.
Tal e como destaca Adrián Ferrer, concelleiro de medio ambiente, a da Deputación facía referencia á mellora dos montes e xa se tiveron varias reunións coa directiva da Comunidade de Montes de Beluso. Neste caso, a Deputación fará unha achega de 4049,64 €, o que supón o 70% do valor da redacción do proxecto, asumindo o Concello o restante. A subvención vai destinada á redacción dun proxecto no que figuren diversas actuacións, como a eliminación de especies alóctonas invasoras (fundamentalmente acacia negra e eucalipto), o acondicionamento da masa forestal mediante a realización de rozas e podas sanitarias, a mellora da sinalización da rede de sendeiros e camiños como medidas de prevención de incendios, implantación de pequenos pasteiros para a introdución dun gando como uso alternativo, a posta en valor do patrimonio etnográfico e arqueolóxico, e o acondicionamento do manancial para a construción dunha fonte. A realización do proxecto sería con outros fondos posteriores na liña 2 da subvención de cara ao vindeiro ano ou a iniciativa da propia Comunidade de Montes.
No tocante ás axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, concedeuse unha dotación de 17250,45 €, dividido en dúas anualidades, e que suporá o desbroce e adecuación de camiños, a instalación de paneis e balizas interpretativas, e a creación dun observatorio de aves. Malia que os prazos de xustificación desta subvención son moi axustados, desde o goberno vese viable aceptar a axuda.