O Concello de Bueu acondiciona varios aparcadoiros e reforza o plan de limpeza para a Festa das Alfombras
- O Concello ten dispoñibles máis de 500 prazas na rede de aparcadoiros públicos, e anima á veciñanza a utilizalos a fin de evitar a circulación innecesaria polo casco urbano
- As rúas do casco urbano acollerán os tapices florais, mentres que a verbena terá lugar na contorna do Centro Social do Mar e as atraccións se situarán no aparcadoiro das Lagoas
O Concello de Bueu celebra esta fin de semana a Festa das Alfombras Florais, un evento para o que xa están todos os preparativos listos. Precisamente, e ante a previsión de afluencia de visitantes, o goberno local leva semanas reforzando o plan de limpeza dos viais municipais, tanto do casco urbano como das aldeas, ademais de acondicionar unha serie de aparcadoiros públicos e gratuítos que ofrecen máis de 500 prazas.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Xosé Leal, edil de cultura, medio ambiente e mobilidade, supervisaron ao longo da mañá deste venres algunhas das obras e comprobaron que “todo está a punto para estes días e para os próximos eventos do verán”. Esta fin de semana, as rúas do casco urbano, concretamente Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos e Francisco Escáneo, lucirán as súas habituais alfombras elaboradas polas asociacións e a veciñanza, de aí que dende o consistorio se anime á cidadanía a que se empreguen os aparcadoiros disuasorios para evitar a circulación innecesaria polo centro. Estes espazos para estacionar sitúanse na rúa A Pedra, no Pavillón Pablo Herbello, A Ramorta, Pazos Fontenla, Pescadoira, As Lagoas, Ferrolán, Castelao e O Norte. Precisamente, este último estrearase esta fin de semana, logo de que se rematasen os traballos de acondicionamento da primeira fase.
Plan de limpeza e de tráfico
Tamén de cara a esta fin de semana se reforzou a limpeza e roza de viais municipais, e comezouse cun baldeo polas estradas e beirarrúas do casco urbano. Neste sentido, Juncal destaca “o traballo ao longo destes días e semanas do persoal das brigadas municipais e das empresas contratadas polo concello na execución das obras e traballos das últimas semanas”. O consistorio tamén activará un dispositivo de limpeza para o domingo despois da procesión do Corpus.
En canto ao tráfico, a Policía Local xa ten deseñado e activado o dispositivo para a fin de semana. Así, estará prohibido estacionar a partir das 15 horas do sábado na rúa Pazos Fontenla, entre Castelao e Francisco Escáneo, e na rúa Montero Ríos, entre Francisco Escáneo e a entrada da Praza de Abastos. Ademais, neses tramos quedará restrinxida a circulación o sábado ás 17 horas.
Programación da festa
As alfombras poderán admirarse durante todo o día polas rúas do casco urbano, concretamente en Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos e Francisco Escáneo, e dende o Concello anímase a todos os colectivos e persoas a participar nunha celebración que é símbolo da nosa identidade.
A festa desta edición incluirá actuacións musicais, atraccións e oficios relixiosos, tal e como viña sendo habitual. Así, o domingo ás 18.00 horas, na Igrexa Parroquial San Martiño de Bueu terán lugar os oficios relixiosos e a procesión do Corpus Christi polas rúas da vila. Concretamente, o percorrido, que estará amenizado pola Banda de Música Artística de Bueu, comezará no cruce entre a rúa Pazos Fontenla con Johan Carballeira, continuará por Francisco Escáneo, Montero Ríos, contorna da Praza de Abastos, Eduardo Vincenti, Pazos Fontenla e rematará na rúa Santán. Pola noite, a partir das 21.00 horas, celebrarase a verbena coa orquestra La Ola ADN no aparcadoiro do Centro Social do Mar. Mentres, na zona das Lagoas xa están situadas unha decena de atraccións, que volven nesta edición con forza. Concretamente, nese espazo haberá inchables, pista de mini karts, pista de coches, carrusel de cadeas, tirachinas, dragón e saltamontes.
O cartel deste ano, que foi deseñado polo artista local Josuha Xanbreo, fai alusión á cultura mariñeira e á tradición alfombrista da vila, e destaca esta festa, declarada de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo no 2017. Con máis dun cento de anos de antigüidade, o auxe da tradición floral podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950, aínda que nos últimos anos se fixo un gran esforzo por recuperar e centrar o percorrido.