O Concello de Bueu acomete diversos arranxos nos parques infantís da vila
Coa chegada do bo tempo, e no marco do plan de mantemento anual, o Concello de Bueu está levando a cabo diversos arranxos nos parques infantís do municipio. Félix Juncal, alcalde da vila, Xosé Leal, edil de facenda, e Carmen García, concelleira de cultura e mocidade, visitaron esta mañá o parque Joe Novas, en Beluso, onde se está arranxando o peche perimetral e parte do chan que estaba en mal estado.
Estes traballos continuarán nos próximos días no parque de As Lagoas, no casco urbano, e noutros nos que se realizarán diversas tarefas de mantemento e de reposición dos xogos avariados, co fin de que estes espazos, que son moi empregados pola cativada, se atopen nas mellores condicións.