O Concello de Bueu acolle un curso de competencias dixitais básicas para mulleres
- O obradoiro, promovido conxuntamente coa Fundación Esplai e co financiamento da Consellería de Política Social, comezará o 17 de setembro nas dependencias do Centro de Información ás Mulleres
- As inscricións serán gratuítas e deberán facerse no CIM, a través do teléfono 986324395 entre as 12.30 e as 13.30 horas, ou a través do enderezo electrónico cim@concellodebueu.gal
O Concello de Bueu e a Fundación Esplai, co financiamento da Consellería de Política Social, organizan un obradoiro de competencias dixitais básicas dirixido a mulleres.
O obradoiro comezará o 17 de setembro ás 10 horas na sala de xuntas do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e desenvolverase todos os martes ata o 22 de outubro. As inscricións serán gratuítas e deberán facerse no CIM, a través do teléfono 986324395 entre as 12.30 e as 13.30 horas, ou a través do enderezo electrónico cim@concellodebueu.gal.
Nel explicaranse temas como a xestión de arquivos e almacenamento na nube, a navegación por internet, a comunicación a través de diversas ferramentas, aplicacións para a vida diaria, seguridade na rede, redes sociais, xestións telemáticas ou a busca de traballo, entre outras moitas cuestións.
As mulleres que se inscriban deberán levar ás sesións o seu teléfono smartphone.
Este curso súmase aos de innovación tecnolóxica que xa se impulsaron nos últimos anos por parte do Concello, coa colaboración de diversas entidades. Así, impartíronse dous de formación na dixitalización para mulleres no programa “Galegas Dixitais”, da man de Be Project Consultores e Ara Formación coa colaboración do Concello; os dous de novas tecnoloxías para persoas maiores, da man da Fundación Amigos de Galicia e outro con Ticymayores; ou os cursos de primeiros auxilios e manipulación de alimentos coa Federación de Mulleres de Pontevedra (Femupo).